A mirada que dignifica o noso

Moncho Gándara A VIVA VOZ

VIMIANZO

07 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando desde o Seminario de Estudos da Costa da Morte escribimos, para a páxina web municipal, unha semblanza de Roberto Mouzo, falabamos dun apaixonado da cartografía, do debuxo e do deseño, da arqueoloxía, da toponimia, da fotografía... e abofé que se un se achega á súa obra, fundamentalmente gráfica, pode dar cadra desas paixóns. Mesmo poderá dar boa cadra de que nada importante do que se refire ao patrimonio natural e cultural da Terra de Soneira quedou alleo á mirada atenta e sensible de Roberto, que rematou convertendo o seu labor nun acto de dignificación de todo o que investigaba.

A súa obra é froito dun intenso e minucioso traballo de campo, para, despois de horas e horas dunha dedicación feita coa determinación dun artesán paciente e coidadoso, acabar agasallándonos con produtos tan acabados, en forma dun sinfín de mapas temáticos, planos, ou de innumerables debuxos, apuntes, bosquexos, deseños, ilustracións, fotos, gráficos, cadros sipnóticos... Unha parte da obra de Roberto fica gardada no seu ordenador, verdadeiro arquivo de tesouros do patrimonio comarcal, pero outra boa parte figura xa en  publicacións colectivas. A parella conformada por Xosé María Lema na parte literaria e Roberto na gráfica, publicou, entre libros e  documentais, un total de  seis obras, hoxe xa clásicas, sobre o castelo de Vimianzo, os batáns do Mosquetín, ou os Penedos de Pasarela e Traba. E mesmo ámbolos dous xunto a X. Fernández, E. Domínguez e X. María Rei, foron autores da guía A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte, na que a aportación gráfica de Roberto foi moi importante, incluídos os 26 mapas temáticos con roteiros comarcais. E que dicir dos traballos de xenealoxía das principais familias fidalgas da Terra de Soneira feitos en colaboración con X.Mª Méndez Doménech. Mañá, na Casa da Cultura de Vimianzo farémoslle un recoñecemento e merecida homenaxe a Roberto, polo seu compromiso social, cultural e medioambiental. Será un punto e seguido para compartir a súa mirada e legado.