Outono vimiancés con moito Apego

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

A capital de Soneira sumouse a pasada primavera a este proxecto, ao igual que outros concellos. Agora, xa son más de un millón as persoas ás que se chega

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os meses de outubro e novembro, en Vimianzo, virán cargados de actividades para os máis pequenos co programa Apego, para a socialización na lingua galega dende as idades máis temperás e destinado ás familias que estean agardando un bebé ou que teñen un neno ou nena de menos de 6 anos. A edila de Cultura, Deportes e Mocidade, Marta Rei, e o alcalde, Manuel Antelo, presentaron onte a programación, toda ela gratuíta, e que se concentrará no auditorio da Casa da Cultura:

6 de outubro • Presentación de Apego • 19.00 horas • Introdución ao programa e aos seus obxectivos. Inclúe unha charla de Manuel Núñez Singala, xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago: «Os nenos e a lingua, unha oportunidade».

9 de outubro • Fantoches Baj • 18.00 horas, auditorio • Espectáculo «Fábula Galénica».

23 de outubro • Teatro Babaluva • 18.00 horas, auditorio • Espectáculo infantil «Tita».

6 de novembro • Teatro Ghazaflehos • 18.00 horas • Espectáculo «Iriña Bailarina».

20 de novembro • Teatro de Semente • 18.00 horas • Espectáculo «Gretel e Bela».

Un millón de «apegados»

Nos últimos días, a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras da Normalización da Lingua (CTNL) lembrou, precisamente, que Vimianzo, xunto con A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo e Teo foi un dos concellos en incorporarse ao programa Apego nesta pasada primavera, sumándose así aos 12 que xa puxeran en marcha a iniciativa no 2015: A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. Os novos municipios engadidos comezan así agora coa programación efectiva, coas actividades, tal é o caso da capital de Soneira. Contando con toda esta colaboración intermunicipal, a poboación que atinxe a día de hoxe o programa Apego supera xa o millón de persoas. Estre crecemento fixo posible que se poidan estar producindo novos recursos, como materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes sociais e a través da canle en Youtube que ten o proxecto. «Apego, pola vida e pola lingua» e «Únete ao Apego, pola lingua» son dous dos vídeos que xa se poden ver nestes intres.