Do Ball Soneira ó Soneira S. D. Unha paixón que xa vén do 1927

Xosé Mª Lema, Xosé Mª Rei UN SOÑO NO TEMPO

VIMIANZO

ana garcía

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nosos parabéns ó Soneira S.D. de Vimianzo pola organización dos actos do seu 50 aniversario como club federado, baixo o lema 50 anos de coraxe irmandiña. O daquela chamado Club Soneira E. y D. entrara na Liga da Costa na súa terceira temporada, a 1965-66. Algúns dos seus primeiros xogadores foron: Vaquero, Modesto, Manolito, Mouzo, Amador, Moncho, Otero, Chano, José Ramón, Moli e Traba; como adestrador figuraba Pirucho. Aquela tempada inicial non fora de bo recordo, pois o equipo quedara de penúltimo, con tan só 6 puntos, pero na seguinte (1966-67) xa logrou o seu primeiro campionato.

Disputa polo nome da comarca. Mais a historia do fútbol vimiancés vai moito máis atrás, ós anos vinte do século XX. En base ás informacións dos xornais e revistas da época, que recollemos no noso libro 50 anos da historia do fútbol da Costa, no ano 1927 o equipo representativo de Vimianzo era o Ball Soneira. Mais, quen o ía pensar, resulta que o da veciña vila de Baio era o Soneira C.F. Isto indica que os incipientes futboleiros das dúas vilas se disputaban a exclusividade da imposición do nome da milenaria Terra de Soneira, cousa ben positiva, pois iso constitúe unha proba máis de que existía unha conciencia identitaria comarcá, que parecía durmida. Por aqueles anos buscábanse nomes da historia mítica de Galicia (Breogán, Celta...) e tamén o das comarcas históricas: en Carballo escolleron en 1923 o da comarca de Bergantiños para o seu club. Sospeitamos que na denominación de Soneira se adiantaran por pouco os baieses, pois, para establecer diferenzas, os vimianceses antepuxéronlle a palabra inglesa ball (‘balón, pelota’). Así e todo, do que non hai a menor dúbida é que foron os da vila do castelo os máis constantes e fieis na súa conservación, pois recuperaríana cando federaron o club na Liga da Costa case 40 anos despois.

O primeiro partido coñecido (Porteño-Ball Soneira). No libro tamén recollemos a crónica do primeiro partido do Ball Soneira, celebrado na Ponte do Porto contra o Porteño a finais de setembro de 1927. Este encontro tivera as súas anécdotas, segundo o anónimo cronista vimiancés de La Voz de Galicia (30-9-1927). Por culpa da chuvia tivérase que atrasar o comezo ás 6 da tarde, pero houbera que suspendelo unha hora despois pola entrada da noite, interesante dato científico para comprobar que daquela aínda nos rexiamos polo fuso horario do meridiano de Greenwich, e non polo de Alemaña, imposto en 1940 polo goberno de Franco.

O tempo xogado rematara coa vitoria vimiancesa por 2-1, pero ó final do partido o coche dos visitantes seica fora despedido a pedradas. Foron estes os primeiros incidentes dos que temos noticia na Costa, pois as crónicas da época narran máis ben partidos de «guante branco» que remataban nunha festa común dos xogadores e directivos dos teams (sic) contendentes.

O Soneira S.D. actual figura no noso libro como un dos clubs importantes da Costa. Ademais do campionato 1966-67 tamén lograría os da Liga da Costa (2ª Rexional) de 1983-84, da 2ª Rexional 2004-05 e as Copas da Costa 2008-09 e 2010-11. Un dos seus míticos xogadores, o mazaricán Miguel Filgueira, conta cun apartado especial na publicación, en sendo un dos futbolistas de maior proxección, dos poucos que competiu na 2.ª División española (no Levante de Valencia).