«Queremos que esta exposición dos 50 anos sexa algo vivo»

f. rodríguez / p. blanco

VIMIANZO

ANA GARCÍA< / span>

O exxogador do equipo, recentemente retirado, convida a acudir á inauguración da mostra esta tarde

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Vimianzo retómanse hoxe os actos do 50.ª aniversario da fundación do Soneira S. D.: así, para as 20.30 horas está prevista na Casa da Cultura a inauguración da exposición 50 anos de coraxe irmandiña. Un dos intervintes será Fran Urroa, exxogador. Con el estará o resto da directiva -da que forma parte-, así como José Luis Leis, outro dos piares desta actividade, e o alcalde, Manuel Antelo. Fran Urroa falou onte en Radio Voz:

 -Emotivo... Moitos recordos.

-Collendo un período tan amplo, sempre dará lugar a moitos recordos. Centramos a exposición no que son fotografías porque é o que nos permite recoller mellor graficamente o que son estes 50 anos. Ordenámolas cronoloxicamente, dende os inicios ata a época actual do Soneira. Despois, aínda así, completamos esa mostra con camisetas, brazaletes... detalliños que tamén forman parte da historia.

-¿Quen gardaba todo isto? Non sería doado organizar a mostra.

-A verdade é que non. Nestes momentos estou falando eu, pero hai outra persoa que está colaborando moito, José Luis Leis [exxogador]. El foise a vivir para A Coruña hai anos, pero segue tendo ese vínculo co Soneira. Foi quen se dedicou a ir recollendo todas as fotografías, o material, falando coa xente... Un labor de campo arduo.

-Parece que un dos atractivos será a primeira camiseta do porteiro do Soneira, do ano 1966.

-Si, foi un veciño de Vimianzo quen se ofreceu tamén a incorporala á exposición. Unha reliquia.

-¡Anda que non cambiaría a indumentaria dende aquela!

-Cambiou, cambiou. O que nós destacamos é que, aínda que a exposición estará aquí ata finais de ano, queremos que sexa algo vivo, de tal forma que alguén que veña, alguén que se acerque, poida contactar con nós e incorporar novas cousas. É a nosa idea: ila completando durante todo o período.

-Agora que vostede tamén colgou as botas e a camiseta, quen sabe se dentro de 25 anos non llas piden para o 75.º aniversario.

-Oxalá, oxalá. Oxalá dentro de 25 anos o Soneira siga vivo e haxa quen teña iniciativa e faga unha exposición, dos 75 ou dos 100... Teño botas a mazo para dalas [ri].

-¿Cantos anos xogou no Soneira? Foi xogador activo ata o ano pasado... ¿Que sentiu este ano?

-Dezaoito anos. Son sensacións raras. Velo alí, dáche a impresión de que aínda podes xogar, pregúntaste que fas alí fóra... un mono tremendo. Pero bueno, valo asimilando. Sabes que a túa etapa como xogador rematou, así que nada, a seguir botando unha man e gozando do Soneira deste ano. É un luxo ter un equipo da túa vila en Preferente e co 80 % dos rapaces do pobo.

-¿Están vivindo un dos mellores momentos da súa historia?

-Se o ano pasado conseguísemos pechar coa consecución co título da Copa da Costa, creo que sería o mellor ano deportivo do Soneira. Aínda así, atreveríame a dicir que si... Non quero pecar de egocentrismo. Foi un dos mellores anos.

-¿Como ve este inicio de liga?

-Estanos custando un pouquiño arrancar e adaptarnos á categoría. É certo que nos cinco partidos que van de liga nunca tivemos a toda a plantilla xunta, houbo baixas. Pero creo que no momento no que estean todos, comezarán a sumar de tres en tres. A Preferente é unha categoría complicada.

-¿E vostede? ¿Como matará ese gusto polo fútbol?

-Algún equipo da Costa comentárame de ir, pero creo que para xogar na Costa, ou no Soneira ou en ningún sitio. Ademais, agora vivo na Coruña, serei papá en breve... Estarían tamén os desprazamentos... Busquei un equipo de veteranos aquí preto. Non é o mesmo, pero vaslle dando patadas á pelota [ri].