De tabú a «gourmet»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

VIMIANZO

16 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda mediado setembro e xa todos os afeccionados aos cogomelos andamos a examinar o tempo, a temperatura, a humidade, e a darnos xa pequenos paseos polos lugares secretos da comarca nos que sabemos que imos atopar os nosos fungos preferidos. Están, están, están aí pero aínda non. Falta un anaco ata que aparezan os primeiros e comecemos a cacería. Si, cacería. Os indios mexicanos huicholes dicían que saían a cazar os cogomelos coma quen vai cazar cervos, se ben os seus fungos tiñan un sentido, digamos, máis extático que os nosos, que sobre todo van dirixidos ao disfrute do padal.

Barbanza e a Costa da Morte son territorios benditos polo deus dos cogomelos; a diversidade de terras, paisaxes e bosques fai que o solo permita o crecemento de variedades moi distintas, e temos expertos micólogos que son referencia en toda Galicia, que non paran quietos nesta tempada impartindo cursos aquí e acolá. Os galegos pasamos de considerar alimento tabú aos fungos a convertelos en produtos gourmet en apenas dúas décadas. E, coma sempre, medimos o éxito de calquera cousa en autobuses. «Veñen autobuses cheos de Santiago a coller os fungos da serra», oirás dicir estes días.

Os nosos fungos teñen a outra historia, a oculta e misteriosa. Os vellos non os querían comer, pero sabían diferencialos totalmente. E en Baíñas (Vimianzo), viviu ata hai non moito a última sabia ancestral que sabía cociñalos para aliviar o espírito, cun saber milenario e oculto ás autoridades. Hoxe debemos conformarnos cunha boa cazola de boletus e níscalos.