Unha viaxe á historia, ao megalitismo e ás fisterras

Xosé Ameixeiras
a. lavandeira CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

a. lavandeira

O Semescom viaxa ao Alentexo luso e a Estremadura

22 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) emprendeu o venres unha nova viaxe didáctica por terras lusas. O Semescom, que prepara un simposio sobre o megalitismo para a primeira fin de semana de setembro en Vimianzo, celebra un percorrido polo Alentexo (Portugal) e Estremadura (España) na procura do coñecemento das grandes pedras prehistóricas, as pegadas da cultura romana e as fisterras portuguesas. Os promotores deste percorrido pola historia, no que participan case medio centenar de persoas, quixeron titulalo Da Gallaecia á Lusitania: do valente Brandomil ó indómito Viriato.

A rexión da Beira Alta de Portugal foi unha das primeiras paradas. En Viseu (lembraron aquí o Viseo muxián) atoparon os primeiros rastros da memoria de Viriato. Xosé María Lema, presidente do Semescom e autor da guía da viaxe, deu amplas nocións históricas da relación desta cidade, onde estivo un importante bispado do reino galaico dos suevos.

A Guarda e Castelo Branco foron paradas intermedias antes de deterse en Idanha a Velha, unha das aldeas históricas de Portugal, ocupada por romanos, suevos, musulmáns e que chegou a formar parte da xurisdición eclesiástica de Compostela no tempo de Xelmírez.

Hoxe en día é un gran centro de interese arqueolóxico. Na viaxe participan gran número de profesionais do ensino e as explicacións sobre aspectos históricos, xeográficos, xeolóxicos e botánicos son constantes.

En Monsanto produciuse outra espazosa parada. Outra aldea histórica encaramada nunha montaña acugulada de penedos como os de Pasarela ou do Pindo foi convertida nun bastión defensivo dende os primeiros tempos da historia.

Entre as grandes rochas fóronse construíndo vivendas e igrexas. No alto están os restos dun castelo templario e máis dunha igrexa medieval con enterramentos en rochas. A ruta dos fósiles e o canón de Penha García era outro dos destinos do percorrido, como as tres vilas estremeñas do Val de Ellas, onde se fala unha variante do galego.

Así van debullando quilómetros e coñecementos varios os viaxeiros que ata o día 27 continuarán na procura de espazos relacionados co megalitismo, cos restos romanos, cos grandes acontecementos históricos e coas fisterras atlánticas, buscando claves para entender mellor os recursos históricos e culturais da Costa da Morte.