«Neste ano sentáronse as bases para desenvolver grandes proxectos»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

VIMIANZO

JOSÉ MANUEL CASAL< / strong>< / span>

O rexedor di que o éxito da súa xestión está en rematar coa situación de corrupción e optimizar recursos

26 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Vimianzo considera que o remate dunha «situación de corrupción» e máis a xestión levada a cabo deixa ao Concello con moi boas perspectivas para acometer os proxectos que teñen entre mans.

-¿Que se fixo neste ano?

-Sentáronse as bases para desenvolver grandes proxectos en canto a infraestruturas, saneamento económico, política cultural e deportiva ou promoción do patrimonio. Estamos investindo máis dun millón de euros en infraestruturas como a dotación de equipamentos en Cereixo, a pista do campo de fútbol, os parques infantís de Treos, Bamiro, Pasarela, Carantoña, Carnés e Cereixo, o arranxo da Casa do Concello, as escolas de Carantoña e Cereixo, un programación cultural e deportiva sostible, recuperamos a xestión dos Batáns e temos tres actuación na estrada de Baíñas.

-¿Que proxectos ten en carteira?

-O plan director do Castelo vaille dar un novo impulso e abrilo ao pobo con moitas actuacións na contorna. Estamos vendo como sacar adiante o proxecto dunha piscina climatizada, que Cereixo e Carnés teñan un polideportivo cuberto que poida acoller tamén as actividades das asociacións e estamos promovendo o axuste dos servizos manténdoos e potenciándoos. En axuda no fogar incrementamos un 40 % en dous meses, pasando de 550 a 800 horas efectivas e estamos resolvendo problemas laborais que herdamos con persoal laboral temporal que accedeu aos seus postos en fraude de lei. Non pode ser que o traballo efectivo sexa inferior ao teórico.

-¿Compensan os conflitos que isto trae consigo?

-Todo cambio político ten unha resistencia e unha reacción, pero a obriga do goberno é mirar polos intereses xerais, aténdonos á lei e cumprindo o que levamos no programa. Os nosos votantes non entenderían que non o fixeramos así. Gobernar ten aparentemente eses custes pero temos que medir máis a defensa dos intereses xerais que as consecuencias que poida ter. Hai concellos nos que os funcionarios entran a traballar ás dez da mañá e marchan ás dúas. Iso en Vimianzo pasaba pero xa non pasa, á xente vén ás oito da mañá e sae ás tres da tarde.

-¿De onde saen os cartos que agora teñen a maiores?

-As liquidacións dos exercicios son todas positivas cando a última do anterior goberno era negativa e moito. Isto débese ao remate dunha situación de corrupción na que determinado grupo se beneficiaba dos recursos públicos. Aí está a Casa da Cultura e outras obras. Por exemplo, nos seguros, que antes levaba un axente concreto e non se buscaban alternativas, aforramos entre un 60 e un 70 %; coas telecomunicacións igual e o investimento social non era o axeitado, poucas persoas levaban moitos cartos.

-¿Que sentido teñen as liortas coa oposición agora que conta con maioría absoluta?

-Equivoqueime ao pensar que había unha oposición construtiva, pero realmente vive na nostalxia dunha situación política que trata de recuperar. Non acepta os resultados e non hai capacidade nin ganas de traballar para manter un debate político minimamente serio. Nin len os expedientes, nin saben de que van, nin se preocupan. As comisións duran un minuto, non fan preguntas, abstéñense e despois nos plenos defenden cousas sen sentido.

-¿Non os lastra a falta dun plan urbanístico?

-No caso das instalacións agropecuarias fomos avanzados coa redución do IBI e neste 2016 moitos gandeiros vanse beneficiar diso. Despois somos vítimas dunhas normas dun momento político no que primaban os intereses particulares sobre os colectivos. Por iso promovemos modificacións importantes para que as casas acaroadas do rural deixen de estar nunha situación ilegal e para que no pobo se poidan construír áreas comercias, ademais de ampliar o fondo a 30 metros.

-¿Que necesidades ve máis importantes a nivel comarcal?

-Agora estamos cun xestor turístico do Xeodestino como é a CMAT polo que deberiamos apostar todos. Despois, carecemos de transporte público, difusión da banda longa de fontes de enerxía como o gas. Sobre todo, precisamos un verdadeiro plan de emprego.