Os Pinchos Irmandiños

Moncho Gándara TRIBUNA ABERTA

VIMIANZO

18 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Asalto ao Castelo de Vimianzo é sen dúbida, dentro do ámbito lúdico-festivo, a nosa obra, a nosa celebración colectiva máis importante e salientable.

Desde os seus comezos aló polo 1996, os organizadores ?a asociación Axvalso primeiro, e Cherinkas e o Concello despois? sempre tiveron a aspiración de facer do Asalto unha festa o máis participativa posible, aberta ao protagonismo da xente, e mesmo de ensanchala temporalmente a máis dunha xornada.

E neste sentido a singular e exitosa iniciativa gastronómica dos Pinchos Irmandiños, hai agora nove anos, contribuíu a avanzar na ambientación festiva do Asalto, na participación progresiva dos hostaleiros da vila, dos veciños e veciñas, de moitos visitantes, e a ampliar a celebración no tempo dun xeito estable, ata catro días previos ao día central.

Os Pinchos irmandiños son, desde hai tempo, unha actividade económica significativa da nosa hostalería e ademais é todo un exemplo de como se pode aproveitar dun xeito intelixente o noso patrimonio histórico e cultural: un castelo e a súa historia.

Nestas datas xa se están a quentar os motores da 21ª. edición do Asalto, e a novena edición dos Pinchos, en plena creación nos fogóns dos nosos bares e restaurantes. Acompañados pola mirada atenta e o asesoramento do recoñecido cociñeiro Miguel Silvarredonda, os nosos hostaleiros e hostaleiras están a compoñer as súas receitas con ingredientes de época medieval. E ben seguro de que cando cheguen os días sinalados acudiremos en riada a Vimianzo un ano máis para degustar esta singular oferta gastronómica. !Longa vida ao Asalto¡ E xa que logo... Luuumeee...!