Unha noite ben pode ser Muiñada

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Os pratos servidos (arriba) e A Quadrilha en acción (abaixo).
Os pratos servidos (arriba) e A Quadrilha en acción (abaixo). fotos< / span> ana garcía< / span>

Vimianzo celebrou con gran éxito a primeira edición da súa «antropofesta»

05 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantan moitos que unha noite no muíño non é nada e que unha semaniña enteira si que é muiñada. En Vimianzo quizais non estean de todo de acordo, porque alí, entre o Concello e máis Cherinkas, fixeron unha ben grande entre unha tarde, a do sábado, e unha madrugada. A organización amósase satisfeita do público que acompañou as actividades, con grande implicación do pobo. Xa a actuación teatral de Migallas avanzou inicialmente o bo camiño da celebración, una cita que deron en denominar antropofesta, polo aquel de celebración, pero tamén pola reivindicación do Muíño da Agra e do que significou. Momentos fermosos vivíronse durante a visita guiada, coa moa traballando e a explicación de todo o proceso co millo, dende que se planta ata que se fai fariña. Moi atentos estiveron os nenos (que se atreveron co muíño de man) e os adultos, entretidos tamén cos aparellos cedidos para este día por veciños: dende sementadoras a arados, pasando por sachadoras ou peneiras. Logo virían os xogos, a gastronomía e a boa música.

Gastronomía. Non hai festa sen apartado gastronómico e na primeira Muiñada de Vimianzo tamén quixeron darlle o protagonismo ao millo neste aspecto. Así, aqueles que o tiveron a ben aportaron á celebración empanadas (habías de zamburiñas, grelos ou zorza) e logo servíronse, en racións, xunto con broa, follados, chourizos e mesmo troitas. A parte da comida deu paso ademais á exhibición de música e bailes tradicionais do municipio, da man das entidades Foliada de Salto, Trubisquiña e Airiños do Río Grande.

Música. Druídas da Rolda (Vimianzo) abriu a noite con moito público da casa e éxitos da música celta ou irlandeses. Con A Roda, ata parte da organización subiu ao escenario para gozar xuntos de «Os bistéqueles», auténtico himno. Non descoidaron «Miudiño», «Pousa Pousa» ou o gato do saco (que resultou ser Doraemon). De Vacas sorprenderon con versións acústicas das Spice Girl, Beyoncé ou ata «Single ladies» con pandeireta. A Quadrilha (foto) cautivou ao público con temas novos e outros imprescindibles («O mar non é de ninguén). Liga Leiteira Galega exaltou a foliada.

Leccións de maña dos máis veteranos nos concursos

A visita guiada ao muíño tamén deu pé a que os veteranos puidesen explicarlle aos máis novos como era todo aquel proceso de ir ao muíño, do traballo que comportaba, e as moitas vivencias que, de seguro, se xeraron arredor do de Vimianzo. Os concursos, tanto o do baile do cañoto, como o de debullar ou o de peneirar, permitiron que moitos probasen habilidades, aínda que houbo algunha persoa con mestría de vida en condicións de sacarlle as cores aos participantes de menos anos.

Unha próxima edición

A colaboración da veciñanza, tanto para preparar como para participar, deixou moi contenta á organización. De momento, sería axiña para aventurar se haberá unha próxima edición, pero en principio pódese pensar que si. Ao longo da tarde escoitábase por Vimianzo: «¡E haberá que ir á festa!». Así, uns e outros e outros fóronse achegando ata a agra onde estaba instalada a carpa, previsores nunha noite de outubro. «Vimos á xente ilusionada e curiosa», sinalan. O muíño estivo aberto, por certo, ata ben tarde.