Un pouco máis alá dos pinchos

Rosa Sánchez LA OPINIÓN DEL EXPERTO

VIMIANZO

03 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos tempos estamos asistindo a múltiples ofertas baseadas en degustacións de pequeno formato que matan a fame e deleitan o padal. Non é que sexan una novidade. O que é diferente é a organización dos establecementos de hostalería para artellar unha proposta conxunta.

E o bo disto é a acollida que teñen entre a poboación local e os visitantes. Lembro aqueles Pinchos Irmandiños nacidos en Vimianzo nas vésperas da Festa do Asalto de 2008, no que só participaron cinco locais. Esmeráronse en preparar algo con rigor histórico e o público respondeu abrumadoramente. Aqueles poucos locais empezaron unha singradura, á que se foron engadindo máis bares e restaurantes ata superar os vinte na última edición. Tamén fomos vendo a evolución do público. Estes pinchos convertéronse nunha escusa para saír da casa toda a familia e tamén para desprazarse a un pobo hospitalario desde diferentes puntos da zona. Vemos grupos de mozos, a cativos de todas as idades, ós maiores, a compañeiros de traballo...

Que hai, por exemplo, nunha cuncha de vieira con trigo e froitos do mar, servida na véspera da Festa ó Asalto? Hai un bo facer, innovación, tradición, historia, identidade, cooperación na convocatoria, boa presentación, bo sabor e mimo ó cliente. Por aí deben ir os tiros. E non o digo eu, un informe da Organización Mundial de Turismo sobre o turismo gastronómico plasma recomendacións sobre os produtos locais, a implicación dos axentes protagonistas da oferta culinaria e a organización de eventos.

Podemos seguir avanzando, con pinchos apoiados nos nosos produtos do mar e da terra, nas preparacións tradicionais e na innovación, sen perder de vista a sustentabilidade de todo o que fagamos.

ocio y gastronomía