«Non podemos pecharnos»

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. lado CEE / LA VOZ

VIMIANZO

O directivo pídelle ao seu sucesor que «non menosprece a ninguén»

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Empresario da construción, do sector da pedra concretamente, Manuel Mourelle Amado, deixa a presidencia da Asociación de Empresarios Comarca de Soneira e faino coa sensación do deber cumprido, a través dunha xestión moi positiva no económico e no social, aínda que con certo pesar por non contar con un nivel de implicación máis grande pola parte de todos os socios.

-¿Por que o deixa?

-Hai que facer unha parada. Intentarei que alguén se anime a poñerse ao fronte e, de feito supoño que haberá candidatos, porque realmente a asociación é fácil de levar. Temos a sorte de contar cunha persoa moi válida que nos fai practicamente todo. É moi importante que manteñamos esa unidade, porque é o que nos dá a forza. Esta entidade ten bases, ten un proxecto e está moi conectada coa sociedade, coa Administración e cos socios, aínda que a min gustaríame que participasen máis.

-¿Teñen que xogar outro papel os socios da entidade?

-Digamos que estou un pouco descontento con iso, porque moitas veces pensamos que con pagar unha cota xa está e a asociación é moito máis ca iso e hai que participar nela. Ten sentido na medida en que nos é útil, non por ter unha asociación máis. Por iso espero que os que veñan lle dean continuidade, que haxa alguén que saiba e queira loitar por isto.

-¿Cal foi o camiño da asociación neste tempo?

-Tivemos baches, tropezóns,.

.. pero quen me dera a min que a miña empresa a levase tan ben como a asociación, aínda que sempre a considerei como unha parte máis dentro da empresa e do traballo que tiña que facer. Nestes proxectos é coma en todo, estás metido en moitas cousas e eu como empresario tamén tiven algunha época de bastante traballo, pero dediqueime a ela plenamente. Non eu, senón toda a xente que estaba comigo na directiva e logramos triplicar os socios. Collémola con uns 15.000 ou 20.000 euros de débeda e agora iso debe ser o que hai de superávit. Aparte fixemos inversións de máis de 100.000 euros, bastante máis penso eu.

-¿Como atoparon a entidade e como lle gustaría que seguise?

-Nós collémola con 79 socios despois dun traballo moi importante que tiña feito [José] Gabín, ao que hai que darlle mérito polo que fixo. Nós démoslle continuidade a ese traballo e conseguimos pasar dos 200 e pico socios, ademais de ter unha maior actividade en cursos, campañas, inversión no local,... Por iso penso que non se pode menosprezar o que aportaron os outros e tamén hai que valorar o que fixemos nós. Á xente que entra eu non lle quero por ningunha folla de ruta.

-Algunha idea terá de como debe ser o futuro

-O que non podemos é pecharnos e caer no minifundio, hai que abrirse aos de Cabana, aos de Vimianzo a os de onde sexa e non caer no erro de ser localistas. Temos 170 ou 180 socios dos cales o 70 % son do comercio de Baio, pero o outro 30 non.

-¿Que destaca do conseguido?

-Fixen moitas cousas ou máis ben fixemos os que estabamos nesta directiva e non por colgarnos medallas porque iso non leva a ningunha parte. De feito teño, conseguido cousas e non saír a palestra porque ese non era o obxectivo. O polígono do Allo, por exemplo, foi algo que acadamos entre todos, pero ao alcalde anterior, se non llo dicimos nós non tería reservado ningún chan para este fin, igual que co plan xeral, que tivemos que instalos para que se puxesen de acordo. Despois está a ITV e na legalización das naves a forza fixémola entre todos, pero a idea foi nosa. Tivemos moito que ver.

-¿Que opinión ten sobre a situación económica e co papel xogado polos políticos?

-Estou moi decepcionado cos gobernos, que nin entenden nin coñecen a pequena empresa.

Manuel mourelle amado presidente saínte da asociación comarca de soneira