Oparto de Calandrino foi ben doado desta vez. Nin sequera tivo que parir. É o que teñen as andrómenas ben contadas. A xente ría a cachón e os nenos pequenos revolvíanse nos asentos a gargalladas. A estrea foi o domingo, nunha casa da cultura de Vimianzo ateigada de xente de todas as idades. Quen lle dera a todas as compañías profesionais ter así de cheas de público as salas. Claro que Toño Casais déralle un pouco á volta ao libreto de Giovanni Boccacio, facéndoo máis próximo. Un truco do que se valen ata as grandes compañías. Así, no canto de Florencia, as actrices, porque son todas mulleres, movíanse por escenarios soneiráns. Nada novo, por outra parte, para traer ao público a lugares comúns. Cada un que saía, unha gargallada, sobre todo se eran os establecementos de alterne da bisbarra os puntos en conflito. O caso é que, como ocorre no orixinal de Boccacio, os amigos de Calandrino logran convencelo de que está preñado. Unha desgraza, segundo se mire. Así logran ocultar o embarazo da súa dona e máis dar boa conta dos seus aforros, os seus xamóns e máis do xeneroso contido da súa adega. Médicos, monxas, xuíces, veciños e amigos arman una entretida liorta. Sara Rodríguez, coñecida dende a infancia como Sara de Gallego, é a Rafaela Aparicio do teatro da Costa da Morte. Pode con calquera texto e abonda con que saía a escena para gañarse ao público cun par de xestos. O demais corre de conta das demais compañeiras, que cada ano van adquirindo máis dominio das táboas. Son as actrices de Teté Teatro de Salto, un grupo nacido como homenaxe e que co tempo quedará para historia da parroquia e do municipio, como quedaron as representacións na festividade das Fillas de María, en plenos anos cincuenta e sesenta, con teatriños e recitais de poesía que se convertían no único e máis importante acontecemento cultural da parroquia. Mesmo competía a rapazada dos lugares por ver quen o facía mellor. Son as raíces deste Teté Teatro, unha afección espallada polos lugares como o río que durante séculos regou os eidos de Salto.