«Queremos abrir as portas do Concello aos veciños»

M. Rey / P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Manuel Rey

O candidato di que unha das prioridades é o emprego, para que os vimianceses non teñan que emigrar

27 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Miñones Trillo (Salto, 37 anos, fontaneiro) encabeza a lista de Compromiso por Galicia (CxG) para loitar pola alcaldía de Vimianzo. Falou hai uns días en Radio Voz.

-¿Por que decide presentarse?

-Vocación, gústame a política municipal. Meu pai foi militante do PSOE dende o 82 e na casa sempre nos inculcou que tivésemos interese pola política municipal. Fun simpatizante do PSOE, militei dende o 2010 ata o 2012, pero logo, por discrepancias coa dirección provincial e municipal, deixei o cargo na asemblea local e presentei a dimisión.

-Chégalle a oportunidade de CxG, e antes estivo en Converxencia. ¿Por que os cambios?

-No PSOE de Vimianzo víñamos dun líder de 24 anos, Alejandro Rodríguez, que na miña humilde opinión non soubo deixar a política a tempo. Chegou un momento no que non compartía as ideas que nos dicían, así que para non entorpecer o partido, presentei a dimisión. Despois saíu a oportunidade de Converxencia, cun proxecto atractivo, pero houbo unha discrepancia no tema dos imputados. O partido tomou a liña de que non pasaba nada. Eu dixen no seu día que todo o mundo ten dereito á presunción de inocencia, e a un xuízo xusto, pero tamén que, co mal que o está pasando o cidadán, non me parecía ético que se presentasen imputados. Preferín ser outra vez cabaleiro e marchar. Logo chamoume Xoán Bascuas, secretario de CxG, explicoume o proxecto, falei cos veciños e apuntámonos.

-Permítame o xogo de palabras. ¿Que tubaxes hai que desatascar en Vimianzo?

-Non estou dentro, pero diría que unhas cantas. CxG ten varias propostas, pero a estrela é a transparencia. Queremos que os veciños poidan opinar, facer públicas as comisións de goberno, transparencia nas mesas de contratación... Abrir as portas do Concello.

-Leas, moción de censura... ¿A que atribúe a fragmentación da oposición para o 24-M e que pode ofrecer de diferente o seu partido?

-A título persoal, opina Javier Miñones, a intereses económicos e particulares. Nese aspecto si teño que defender ao BNG, aínda que sexa rival, porque non hai tanto interese. Pero esta é unha etapa rematada. Manuel Antelo tivo a súa oportunidade e nós somos unha xente nova, con ilusión e ganas, conscientes dos problemas reais do pobo. Non me valen de nada grandes obras se os veciños teñen que emigrar e deixar a súa terra porque non hai traballo, iso é o primeiro. E sempre falando co pobo, casa por casa.

-Parece difícil unha maioría absoluta. Se CxG ten que decidir [sobre pactos...], ¿que faría?

-Os veciños teñen que saber o que se vai facer cos seus votos. Nós o que queremos é ou gobernar ou facer oposición, o que non imos é quedar entre liñas. Se gobernamos, gobernamos, e teremos que falar cos outros grupos, e se quedamos na oposición, faremos oposición.

¿A favor ou en contra?

Sanidade a inmigrantes ilegais: A favor

IVE cultural no 21 %: En contra

Cadea perpetua revisable: A favor

Xustiza gratuíta: A favor

Fusión de Concellos: A favor

Mancomunar servizos: A favor 

O aborto:  A favor

Legalización das drogas: A favor

Imputados nas listas: En contra

Legalización da prostitución: A favor

Preferencias

¿A que hora se ergue? Sobre ás 7 da mañá

¿E que almorza? Leite con Cola-Cao, galletas...

Prato preferido: Tortilla de patacas

¿Que non comería? Ourizos do mar

Bebida preferida: Auga fría

Equipo de fútbol: O Deportivo

¿Que coche ten? Unha Citroën Berlingo

Unha afección: Xogar ao fútbol

Un lugar: A Costa da Morte

Unha rede social: Facebook

Artes e letras

Escritor favorito: Varios, pero leo agora o Diario de Che Guevara 

O último libro que liu: Ese mesmo

A última película que viu: Pois... A de Che Guevara [ri]

Un artista: Varios, pero un, Manuel Rivas

Un actor: Daniel Craig

Unha actriz: Carmen Maura

Un cantante: Miguel Bosé

Tipo de música: Pop

Programa de televisión: «Land Rober»

Unha viaxe pendente: A China