Charo Pita pecha hoxe en Vimianzo o mes dos contos
29 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe péchase o mes das contadas (Marzo lareteiro) programado polo Concello de Vimianzo para a Casa da Cultura. Ese fin de sesións dedicadas á oralidade correrá a cargo Charo Pita (ás 20.00 horas, entrada gratuíta). Ela subirá ao escenario cunha intervención que leva por nome Contos de amor, erotismo e morte. Nada menos. Falou en Radio Voz Bergantiños o venres sobre o espectáculo e sobre a situación dos contos.
-¿Como se pode xuntar todos estes temas tan diferentes nunha única función? ¿Resulta doado?
-Pois en realidade o que é isto é unha sesión de contos, non un monólogo, que son cousas diferentes. Neste sesión de contos imos pasar por todas esas fases da vida, o mar, o erotismo e a morte. Aínda que xa sabe que en Galicia o da morte, como que prenden un pouco máis. Teñen moito pouso na vida galega. Ese vai o plan para este domingo.
-Contos deses que se contaron desde sempre, logo. Non pasa nada porque se xunten todo iso.
-Non, porque en realidade tamén se xuntan na propia vida. O conto ten unha estrutura moi similar á vida: é un espazo de tempo no que se fan desfacendo emocións diferentes, aparecendo situacións e circunstancias. É a vida resumida nunha hora, e o amor e o erotismo están na vida. Tamén a morte, ao final.
-¿Ve un certo auxe na narración oral, nas sesións de contos?
-Os contacontos en Galicia, a narración oral, tamén en España, tivo moita forza a finais dos noventa, principios do 2000. Despois decaeu, pero curiosamente agora estase a levantar outra vez. Véxoo mesmo digno de estudo. Empeza a respirarse outra vez ambiente de contos en moitísimos espazos: bibliotecas, auditorios, teatros... Non sei onde parará isto, porque penso que aínda non estamos no cume, senón que estamos no camiño.