«O deporte é unha medicina moi barata e sen efectos secundarios»

Brais Capelán CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

JOSE MANUEL FERREIRO

A vimiancesa estará mañá en Foro Voz, xunto a outras deportistas

25 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Teresa Castro Villaverde (Noia, 1968) é unha das atletas máis destacadas de Galicia. Hai só un mes alzouse como campioa galega de cros. Participou nos 3.000 metros no campionato nacional de pista cuberta en San Sebastián o pasado 7 de marzo, onde se proclamou campioa de España en 3.000 metros. Título que conseguiu a pesar de tomar a saída con febre. Tamén gañou o nacional de 1.500 metros. Todo un exemplo de que o deporte non entende de idades nin de sexos. A noiesa vive en Vimianzo, onde exerce a súa profesión de médico.

-¿É compatible a profesión de médico co atletismo?

-Eu creo que si que o son. Se eu son capaz de facelo, calquera pode. O que pasa é que é complicado compatibilizar o teu tempo de ocio co teu labor profesional e o resto da túa vida.

-¿Como é o seu día a día?

-Durante a semana teño unha vida bastante regular. Intento durmir entre sete e oito horas. Polas mañás traballo. Teño unha xornada continua, o que me permite ter tempo polas tarde para adestrar. Despois de comer levo a cabo labores na casa. Sobre as sete da tarde adestro. No acostumo rematar antes das 21.30 horas.

-¿Cantas fins de semana compite ao mes?

-Depende do momento da tempada no que esteamos. Hai momentos nos que hai máis cros e outros onde hai máis pista ao aire libre. Despois están as populares, que a min encántame correlas. De feito é a modalidade na que máis compito. Si é certo que o adestramento vai dirixido a algunha proba determinada. Intento competir un fin de semana ao mes, como moito dúas. É raro que o faga máis veces.

-Supoño que o deporte forma parte das súas recomendacións na consulta...

-Para min, neste momento da miña vida, competir entra na miña práctica do deporte. Coma actividade física recoméndoa sempre, de acordo coa idade e tamén coa forma física da persoa. Eu traballo con adultos e, dependendo da idade e a súa forma, son moi importantes os beneficios que se obteñen. O deporte é unha medicina moi barata e sen efectos secundarios. Non cura certas patoloxías, pero si que as pode manter a raia.

-¿A idade ten que ver para practicar deporte?

-Mais que a idade, o que importa é a forma física na que te atopas. Hai xente moi xoven cun estado moi limitado. Logo hai xente como eu, que teño unha idade considerable, e que a miña forma física me permite facer estas actividades. Hai recomendacións indicativas pola idade, pero o importante é o seu estado e os seus antecedentes e patoloxías.

-¿Con que se queda do nacional de San Sebastián?

-O resultado estivo ben, era o que esperabamos. O importante é o camiño. Este ano non me podo queixar, xa que o anterior paseino moi mal polas lesións. Neste foi todo estupendamente. Gocei moito co adestramento, foi moi agradable. Teño moita sorte de ter o adestrador que teño, xa que conta cos meus gustos. Unha parte moi importante cando fas traballo físico é gozar do que estas a facer. A proba en si saíu como tiñamos pensado e, aínda por riba, o resultado foi bo. Non me podo queixar de nada.

-¿A súa familia apóiaa?

-Se non o fixera sería imposible. Cando ti dedicas moitas horas a unha actividade, se a xente que te rodea e te quere non está ao teu lado é moi complicado que te manteñas. Na miña familia sempre nos estimularon a facer deporte. As miñas irmás eran moi boas correndo e os meus pais sempre nos animaron. Agora o meu marido e o meu fillo tamén me seguen apoiando.

-¿Hai diferenza entre homes e mulleres no atletismo?

-O atletismo é parte da sociedade na que vivimos. Polo tanto certa discriminación á muller tamén se pode ver neste deporte. Iso non quere dicir que haxa posturas agresivas entre os atletas. Si é certo que as mulleres témolo máis difícil ca os homes á hora de levar a cabo unha práctica deportiva. Nótanse actitudes que non estimulan. Por exemplo, é moito máis fácil atopar patrocinadores económicos para homes que para mulleres.

-¿Que lle diría á xente para que asista ao Foro do xoves?

-Eu creo que as poñentes teñen moito que aportar. Hai persoas cunha experiencia dilatada e outros que, aínda que non é longa no tempo, si que é moi interesante. Eu teño moito interese en participar nesta iniciativa, máis que polo que eu vou dicir, polo que elas me poden aportar a min. Haberá visións de distintas prácticas deportivas e o que temos todas en común. María Xosé Queizán dixo unha vez: «As mulleres pode que non formemos parte da mesma raza, pero si constituímos unha casta». Todas temos unhas vivencias moi comúns, por moitas diferenzas que haxa entre nós.