«Eu son da Terra de Soneira e iso refléxase nas cancións»

Á. Palmou

VIMIANZO

O artista vimiancés presentará o seu primeiro disco, «Velaivén», o 7 de marzo

25 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O público que en número crecente asistiu aos concertos que durante os últimos meses Sergio Trillo Rama Serj (Vimianzo, 1982) foi dando por toda a comarca xa puido comprobar e recibir con agrado as composicións descoñecidas que se ían deslizando entre as súas sorprendentes versións de Radiohead ou Pearl Jam. Agora, eses temas propios dispóñense a ver a luz no seu primeiro disco, Velaivén, que será presentado o sábado da próxima semana (ás 19.30) na Casa da Cultura da súa localidade natal.

-O título semella un aviso.

-Había que poñerlle un e escollín o dun tema que forma parte do disco; ademais foi un dos primeiros que compuxen e está dedicado ao meu sobriño. Pero tamén ten algo de declaración de intención, de dar un paso ao fronte e dicir aquí está este novo proxecto.

-¿Que quere aportar ao panorama musical?

-Desde a humildade sobre todo, porque é un traballo autoeditado e con poucos recursos, pero moito cariño e moito traballo, pretendo aportar unha visión particular dos diferentes temas que toco en cada canción e tamén certa variedade rítmica e harmónica que non é moi frecuente na música en galego.

-¿En que eido musical se move Serj?

-Empecei na música tradicional cando era pequeno, pero despois fun virando cara o rock, que é o eido no que me podo mover máis agora, pero sen querer etiquetarme. Normalmente fago o que me gusta sen pensar se é rock, pop, folk ou o que sexa; cando teño unha idea tiro para adiante, constrúoa e vístoa pouco a pouco: ás veces sáeme unha cousa máis funky e outras máis roqueira, pero o que si ten este disco como tónica xeral é que é bastante acústico. As guitarras acústicas son un instrumento predominante en todas as cancións, pero tamén hai moito espazo para outros, como a guitarra e o baixo eléctrico, a percusión...

-¿Como influíu a xira no disco?

-Foi un xeito de ir preparándome. Este último ano estiven xirando con versións doutras bandas pero nos últimos concertos xa incluín varios temas propios e vin que a xente respondía mellor incluso que coas versións. A idea era facer un disco como mostra para ensinarlle aos locais, pero a cousa foi medrando, vin que xa podía xuntar unhas cantas cancións (11 en total) así que dixen, ímolo editar, e aquí están os resultados.

-¿Que supón o feito de facer un mesmo todo o proceso: gravar, producir, masterizar...?

-Liberdade creativa por suposto, pero o que máis supón é moito traballo. Nos últimos tempos hai unha tendencia a destruír a música con xente como Enrique Iglesias ou cousas electrónicas que realmente non teñen ningún valor artístico, e neste senso facer un disco así dáche moitísima liberdade creativa. Pero cando un pasa un ano e algo creando os temas e gravando cada instrumento, salvo algunha colaboración, supón un traballo inmenso no que non hai horarios: desde que un se levanta ata que vai para a cama está pensando niso.

-¿A súa participación no trío Moai pode ser para repartir un pouco todo ese traballo?

-E para sacar un dos temas dese disco que sairá en breve [un recopilatorio que editará o Asalto ao Castelo] e outros cun toque máis eléctrico e con dous músicos de moi alto nivel: o baixista Ale Cambón e o batería Bruno Couceiro. É algo que vai aportar tamén bastante frescura á música en galego.

-¿Como afronta facer a presentación do disco en Vimianzo?

-Vai ser especial e espero que sexa un éxito. Estará presentada por Alberto Mancebo que ademais de ser un gran profesional é un bo amigo e haberá invitados especiais. Ademais, estrearei o videoclip de Costa da Morte que gravamos con moita ilusión e entre amigos, Xurxo Rodríguez e Modesto Tajes, pero dunha maneira bastante profesional. Nos últimos tempos saíu bastante material audiovisual da Costa da Morte, pero non reflicte toda a maxia do lugar onde vivimos.

-¿En que medida está presente tamén Vimianzo no disco?

-En cada tema que se fai, aínda que non necesariamente sexa autobiográfico, sempre leva algo do creador, iso é inevitable; eu son da Terra de Soneira e galego e por suposto que iso se reflexa nas cancións.