Comerá zucre

Vicente de Lema CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

18 jul 2017 . Actualizado a las 19:14 h.

«Mis amigos son unos atorrantes», cantaba hai un tempo Xoán Manuel Serrat. Os meus compañeiros de bacharelato son tamén algo así. Digamos que son os mellores amigos do mundo, pero non deixan de ser uns desafogados. No grupo de WhatsApp que temos dende hai tempo descargan todo tipo de conveniencias e inconveniencias que se lles ocorre sen ningún tipo de límite e nin censura. Onte, un deles, sorprendeu aos demais cunha suposta copia da factura da cea de amigos das parellas formadas polo presidente americano, Donald Trump e súa respectiva, Ivanka, e mais francés, Emmanuel Macrom, con Brigitte, na Torre Eiffel o pasado día 14. Non sei do grado de romanticismo do exclusivo encontro gastronómico, pero debeu ser de catro estalos visto o suposto recibo do restaurante Xulio Verne, que, segundo parece, chegou aos 154.953 euros. Unha cifra moi na órbita da ciencia ficción na que se moveu o autor que lle dá nome ao renomeado comedor do gran monumento francés. Non deixa de ser un paradoxo que o restaurante leve o nome do autor nacido en Nantes, pois cando vivía na capital gala pasou tanta fame que sufría desarranxos estomacais. Sexa como fose, os dous mandatarios e a súas respectivas superaron o que sería a factura por uns bos percebes de Corme ou una robaliza de Soesto. Entre a coca cola e o puro de 200 euros debéronlle servir outros manxares mentres, alá arriba, tratarían, vaian vostedes a saber, que temas. Non creo que os nosos incendios forestais fosen motivo de conversa. O que nos queda e preguntarnos como aqueles nenos de Castelao: «¿Que comerá o rei?», e responde unha nena: «Comerá... comerá... zucre».