«Quero vivir da música, estea arriba ou abaixo do escenario»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana García

É cormelán, ten 23 anos e foi o encargado de musicar e interpretar as mensaxes gañadoras do certame da Xunta Lingua de Namorar

18 may 2017 . Actualizado a las 18:53 h.

O nome de Eloy Vidal soou ben estes días. El, aos seus 23 anos, nacido en Corme, foi o encargado de musicar as mensaxes de amor en lingua galega que gañaron o concurso online Lingua de Namorar, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que ademais acadou un segundo premio Estefanía González, de San Cremenzo de Pazos (Zas). No certame, cuxo acto de entrega de galardóns presentou a ceense María Canosa, participaron nada menos que 600 mozos de entre 14 e 35 anos. Foi unha oportunidade para Eloy, xurdida en gran medida a raíz da estreita colaboración que, como voluntario, vén mantendo coa Fundación Eduardo Pondal dende hai xa un tempo. Por alí anda tamén estes días, atendendo mil e un detalles das Festiletras. Meses atrás, Eloy musicou e interpretou acompañado de nenos Os ilustres de Bergantiños, un poema de Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños. Visto pola directora xeral Cecilia Vázquez, despois veu o demais. Está agradecido, gustoulle a experiencia e confía en poder repetir.

Vidal foi alumno do CEIP As Forcadas de Corme. Logo, do instituto de Ponteceso, hoxe chamado Eduardo Pondal. Cursou un ciclo de Son e, actualmente, estuda un máster de Producción Musical en Madrid, onde o seu mestre é Michel Martín. Rematará en xullo. Dende o 2013, ademais, integra a banda pontecesán Not Only Shills: «Pasámolo ben, que é o importante». Pese a todo, Eloy ten agora a cabeza centrada noutros aspectos, como a produción musical, «música feita por min». Esta última colaboración e máis as actuacións esporádicas na Fundación Pondal téñenlle reportado boas críticas, así que se sente con ganas «de facer máis». Cando se pon diante do público, di que sempre hai medo a que non saia ben, mais trata de esquecerse de quen está nas cadeiras «para seguir sendo quen son».

A súa música, poida que tratando de tirar algo cara o comercial, segundo conta, ten algo de todo iso que lle foi influíndo ao longo da vida: dende as foliadas ata o rap, pasando polo rock. En realidade, non trata de definirse, nin tampouco se fixa en ninguén en particular, por máis que si cite a Bob Dylan como letrista: «Téñoo moi idolatrado, pero tampouco é que queira facer algo coma el». Un toque transcendental, pero dende a alma propia. Eloy non ten présa: «Cando lle pos présa ás cousas, peor saen. Eu quero tirar adiante, pero pouco a pouco».

«Algo importante neste país»

Cree que o panorama está algo complicado, pero tamén afirma: «Teño claro que quero vivir da música, estea arriba ou abaixo do escenario». Como artista ou como técnico de son, cono sexa, pero aí estará, co desexo de «contribuír que a música sexa algo importante neste país». «Temos que pelexar polo noso. O máis importante que temos neste país é a cultura. Temos moi diferentes sitios con culturas moi diferentes», abunda. Nesa ansia de compromiso, a colaboración coa Fundación Pondal -empezou case por casualidade, porque acudiu a axudarlle a un amigo- tamén o fai sentir «orgulloso»: «Fan un labor moi bonito. Cada vez que estou aquí vexo que o que intentan é que isto, que é un sitio moi pequeno, O Couto e Galicia, represente algo moi grande, e sempre a prol do galego. Sempre incentivando que os nenos fagan medrar o noso». Recoñece que antes deste contacto directo non coñecía ben o que se facía na aldea pontecesá: «Moitas veces quéreselle máis ao de fóra que ao da casa». Hoxe, ri, «xa case son fillo adoptivo do Couto». É unha persoa activa, gústalle argallar cousas dentro do mundo audiovisual, pero tamén se atreve co traballo nunha discoteca ou a ir «como fotógrafo a algún sitio».

A relación de Eloy coa música vén de lonxe: «Era malo no fútbol, era malo nos deportes e dixen eu: ‘Teño que ser bo en algo’». Lembra aquel vinilo que tiña seu pai e que lle permitía escoitar Sultans of Swing, de Dire Straits. Aos 12 anos decidiu que quería tocar a guitarra e aprendeu por el mesmo. Logo, con Pablo, José e Bryan -Not Only Shills-, «uns dos outros». Non obstante, a afección xa comezara antes. Di que súa avoa ten cintas del, de cando era moi pequeno, «aporreando o teclado Casiotone e cantando cousas miñas». Lémbrallo a miúdo. Hai dous anos empezou na Escola da Rúa de Carballo con clases de canto e piano, para ir entrando na teoría musical, pero tivo que deixalo para ir a Madrid. En todo este camiño non se lle esquecen os agradecementos: á súa nai; a Patricia Bellón, outra colaboradora da Fundación que o animou a ir á Escoliña de Verán e a musicar o poema de Asunción cos nenos; así como a Xosé María Varela.