Un encontro coa política e a historia

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

XOAN A. SOLER

Setenta escolares de Ponteceso fan unha visita ao Parlamento de Galicia e son recibidos por catro deputados

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o 2 de marzo de 1856. Obreiros, artesáns e estudantes danlle un golpe ás convencións sociais, políticas e culturais de Galicia celebrando un banquete na Carballeira do Belvedere de Conxo. Os poetas e universitarios sérvenlle a comida aos traballadores. Eduardo Pondal, daquela mozo, foi un dos protagonistas deste histórico acto, que tivo importantes repercusións, incluso represivas para moitos dos participantes. O encontro coincidía co décimo aniversario do fusilamento dos Mártires de Carral.

A Fundación Pondal conmemorou onte o acontecemento organizando un encontro de escolares de Ponteceso con deputados dos catro grupos parlamentarios. e unha visita á Cámara do Hórreo. Setenta nenos dos colexios de Ponteceso e Corme foron recibidos por Aurelio Núñez Centeno (PP), de orixe cormelá; Antón Sánchez García (En Marea), Begoña Rodríguez Rombo (PSOE), de Cerceda, e Xosé Luis Rivas Cruz, Mini, (BNG). Ao fronte da expedición ían os responsables da comunidade educativa de ámbolos dous centros, o concelleiro Carlos Penedo e un representante da Fundación Pondal. O acto forma parte do programa posto en marcha para conmemorar o centenario da morte do poeta.