Nenos de Meicende e Ponteceso viviron en irmandade o nacemento de Pondal

Xosé Ameixeiras
A. lavandeira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

O curro da casa natal do bardo acolleu un recital infantil de poemas

09 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Dille que leven o boo, ben limpo e ben pracente». Así cantaba Eduardo Pondal ás leiteiras de Meicende (Arteixo) alá por abril de 1900. Este foi un dos motivos polos que medio cento de alumnos do colexio San Xosé Obreiro do barrio arteixán participasen onte nunha irmandade poética cos do colexio de Ponteceso para conmemorar o 182.º aniversario do nacemento do bardo.

O acontecemento tivo lugar no curro da casa natal de Pondal. Un cento de estudantes recitaron poemas do autor bergantiñán. Os pontecesáns comezaron con E tí, campana d’ Anllóns, e, pasando duns a outros, foron declamando composicións pondalianas. Tamén os arteixáns. Primeiro unha nena e un neno fixeron un resumo da biografía de Manuel Murguía. Logo outra parella lembrou os versos cos que o autor de Ponteceso lle pedía ás leiteiras de Meicende que lle levasen boa materia «para dar forza ao bardo de Brigandsia, que rendido se sente». O veterinario Esteban Rey Calvo, caracterizado de Eduardo Pondal, foi quen se encargou de presentar o encontro: «O 182.º aniversario do meu nacemento» e «no centenario do meu pasamento», dixo.

Á celebración acudiu tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lourenzo Suárez, que agradeceu a felicitou aos presentes polo acto e pola convocatoria para conmemorar unha data tan sinalada como é o nacemento do autor do himno de Galicia, que foi interpretado por tódolos asistentes. Alí estaban tamén un grupo de mestres dos dous centros, a concelleira e patroa da Fundación Pondal, Isabel Vuelta, o xerente da mesma entidade, Xosé María Varela, e mais os representantes de Autocares J. Pombo, que co seu ómnibus dedicado a Pondal trasladaron aos nenos que acudiron ao acto, ao que tamén asistiu o técnico municipal Xabier Couto.

Como a poesía dedicada ás rapazas de Meicende que levaban o leite á Coruña foi o centro da conmemoración do nacemento de Pondal e Abente, a empresa Deleite tamén se involucrou no acontecemento. De feito, os participantes recibiron un cartón co seu produto estrela e máis unhas galletas, así como unha camiseta conmemorativa da data.

O lugar, onda o propio berce do autor homenaxeado, o feitizo do recital poético infantil e a axilidade con que transcorreu, sinxelo, pero cheo de contido emocional, converteron o aniversario do nacemento de Pondal nun momento que moitos nenos onte presentes non esquecerán facilmente.

A convocatoria formaba parte da longa lista de actos que a Fundación Pondal ten previsto levar a cabo ao longo de todo este ano con motivo do centenario da morte do escritor.