A Fundación Pondal xoga á lotería cun número co que xa probou sorte o poeta

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

O ano pasado xa tocara a pedrea no 13.099

10 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa o ano pasado tocou a pedrea no número 13.099, un dos dous cos que xogaba o poeta Eduardo Pondal. O outro é o 07.734. A Fundación pondaliana de Ponteceso quere repartir no entorno a fortuna que lle foi esquiva ao bardo. «Esa insigne vaidosa que só favorece ós imbéciles cunha millonada», así escribía o autor de Queixumes dos pinos sobre a súa aventura coa lotería, e segundo recolle o patrón da Fundación Luis Giadás dunha carta que o autor de Ponteceso lle escribía á súa irmá Josefa o 17 de agosto de 1894.

Sempre xogaba os mesmos números, de xeito cumpulsivo, «como evidencian os recibos de compras de participación que se conservan no seu arquivo persoal», escribe Giadás, que tamén apunta que, «para máis inri, gardaba os folletos coas listas de números premiados». A realidade é que a iniciativa da Fundación está tendo un grande éxito e son moitos os que xa se fixeron con décimos ou participacións do número 13.099, que está a venda en moitos establecementos da localidade. A recollida dos sobrantes está prevista para o día 14. Se ben Eduardo Pondal non se fixo rico coa lotería si que foi agraciado con pequenos premios. O propio Luis Giadás conta que o 30 de xullo de 1894 lle tocaron seis duros. «Gran manchea son tres moscas», comentaba decepcionado o bardo. Esa cantidade representaba o que lle custaban dez días de aloxamento no hostal de Manuela, na rúa San Andrés da Coruña. Ou o que era o mesmo, un mes de salario dun xornaleiro.

En Ponteceso agardan que, como dicía o propio Cisne do Anllons, con «parsimonia e prudencia», lles dea sorte e o seu número acade algúns dos premios importantes do sorteo do día 22.