«'Queixumes' é un libro fundamental do Rexurdimento»

F. Rodríguez, V. Couto CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

JOSE MANUEL CASAL

Ferreiro anima a todos os lectores de Galicia a coller o volume da obra e ler ou reler os versos de Pondal

09 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Este vindeiro sábado cumpriranse 130 anos da publicación da obra de Eduardo Pondal Queixumes dos pinos, unha das máis destacadas da literatura galega. Con motivo deste aniversario, La Voz de Galicia, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso e co patrocinio de Gadis, ofrece o facsímile do poemario. Manuel Ferreiro, experto na obra do bardo, ademais de profesor na Universidade de A Coruña, falou onte en Radio Voz Bergantiños.

-Para vostede, como bo coñecedor da obra de Pondal, o sábado será un deses días que ha de ter marcado no almanaque. ¿É así?

-Efectivamente, porque é unha data que debemos celebrar. Que pasen 130 anos da publicación dun libro absolutamente fundamental do Rexurdimento Galego como foi Queixumes dos pinos... está ben non esquecelo. Está ben recordalo xustamente tamén nun ano no que se celebran os 100 anos da creación das Irmandades da fala, das que todos somos fillos e debedores, por iso estamos hoxe aquí

-¿Que significa, pois, a obra de Pondal «Queixumes dos pinos» para a literatura galega?

-Significa unha pedra fundamental no edificio que se comezou a reconstruír no século XIX, a partir fundamentalmente da obra de Rosalía. Primeiro os Cantares Gallegos en 1863 e sobre todo Follas Novas en 1880. En 1880 tamén apareceron Os Aires da Miña Terra de Curros Enríquez e en 1886 apareceron os Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal. Os tres autores, como persoas, son os pais e nai da patria e, como obras, son as pedras angulares en que se baseou a reconstrución da Galiza moderna dende o punto de vista cultura, lingüístico e nacional. Sen eles dificilmente estaríamos hoxe aquí. É fundamental.

-Un imprescindible en calquera biblioteca...

-Obviamente, e ademais é unha mágoa que se perda o costume de aprender de memoria os versos dos nosos clásicos igual que as cantigas populares e demais. Penso que non estaría mal que os lectores de Galiza enteira collesen o volume de Queixumes dos pinos, nesa edición facsimilar de La Voz de Galicia, que é onde apareceu publicado por primeira vez, ou en calquera edición máis moderna, e que lean e relean os versos de Pondal, seguro que atopan sorpresas moi interesantes.

-¿Que lle parece logo esta iniciativa de reeditar agora a obra de Eduardo Pondal?

-Non deixa de ser un feito máis no paso da recuperación da memoria histórica, parte dela é a nosa literatura, os nosos produtos culturais. Debemos ser agradecidos, somos o que somos porque outros antes ca nós traballaron, construíron, soñaron, idearon e puxeron a súa vida ao servizo de Galiza e da redención nacional. E nese sentido Pondal, que era autor patriótico, foi un poeta nacional ata a súa morte en 1917. É un punto fundamental. Que se recupere a edición orixinal en versión facsimilar é simbólico e moi importante neste momento porque para o ano que vén celebraremos os 100 anos da súa morte. Todo debe ser enfiado e interpretado nesa liña.

-¿Valoramos o suficiente a figura de Pondal na nosa terra?

-Penso que en Bergantiños si, Bergantiños é un lugar extraordinario que mantén un simposio pondaliano anual e no que se mantén a memoria viva de Pondal. Algo similar acontece no territorio de Celanova con Curros ou nas Terras de Padrón con Rosalía. É verdade que como figura fundacional da arquitectura decimonónica do rexurdimento, sen dúbida, Rosalía ten un papel crucial. A Pondal, a maioría dos galegos teñen que telo na cabeza, entre outras cousas porque foi o autor do himno galego e todos cantamos e sentimos o himno dunha maneira ou outra. Nunca se pode dicir que os nosos autores fundacionais, que os nosos clásicos son suficientemente recoñecidos, nunca estaremos abondamente satisfeitos, mais claro, o feito de que se republique a obra de Queixumes dos Pinos, vai, espero, axudar a ese recoñecemento.

-O ano que vén será o aniversario da morte do autor. Podemos logo dicir que isto é un preámbulo da celebración do centenario.

-Home, esperemos que sexa o limiar para unha morea de actos que florezan, non só en Bergantiños, senón en toda Galicia e incluso fóra dela.

-Este sábado, no Couto, 130 persoas recitaran versos de Eduardo Pondal, de «Queixumes dos pinos». ¿Que lle parece isto?

-Tamén, non deixa de ser un paso máis nunha institución con unha sensibilidade extrema para a obra de Eduardo Pondal, como é hoxe a Fundación Eduardo Pondal, un acto ben significativo e ben simbólico. Vai ser moi fermoso e emotivo. Se non aparecen outros inconvenientes, aí estarei.