Os pequenos creadores recadaron case 700 euros para Íntegro cos seus cadros

La Voz

PONTECESO

Ao remate do certame de pintura infantil houbo un concerto de Mamá Cabra

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

? León, Cieza (Murcia), Las Lagunas (Málaga), Oviedo, Olvera e Xerez (Cádiz), Madrid, Xixón, Barcelona, Almería, Sevilla, Bilbao, Logroño... Artistas chegados de toda a Península -e por suposto das catro provincias galegas- converterán hoxe Ponteceso en fonte de inspiración mentres pugnan pola suculenta bolsa de premios do certame de pintura Fernando Álvarez de Sotomayor.

A piques de acadar o número máximo de inscritos -un cento, como os anos que cumpre o cadro Comida de voda en Bergantiños-, o éxito de participación deste certame xa está garantido e só queda comprobar coma as paisaxes e a arquitectura da vila de Pondal cobra vida no seus lenzos. Terán desde as 11 -hora límite para as últimas inscricións- ata as 17 para dar forma ás súas obras, pero mentres toda a localidade gozará dunha xornada de festa da cultura e dos sabores.

Así, os grupos Os Farrapos e Os Campantes encherán as rúas de Ponteceso de animación musical e Inllar fará un pasacalles (12.30) desde o centro cultural (punto de encontro dos artistas), ata a praza do Relleno, onde fará unha exhibición de danza tradicional.

Os hostaleiros locais sumaranse tamén a esta xornada festiva obsequiando á clientela con saborosas tapas e o calexón da Vieira acollerá unha sesión vermú co grupo Calipso. A sinerxía do certame estenderase tamén aos actos da 23ª. Feira-Exposición. Paseo do Cabalo, que se celebrará tamén durante esta xornada. Unha calexa cunha parella caracterizada como os noivos do cadro de Sotomayor percorrerá a vila tendendo lazos entre os artistas, os veciños e os visitantes e os actos que terán como epicentro O Pinguel desde as 10.

Pero antes diso, de volta no centro cultural, ás 18.30 farase público o veredicto do xurado formado por Maya e Fernando Sotomayor, Hernán Cortés Moreno, Siro López, María José Pousa, Xosé Ameixeiras, Lois García Carballido e Xosé Regueira e saberase quen se leva os 12 premios (por importe total de 8.100 euros) do certame. Os autores non galardoados poderán expoñer e poñer á venda as súas obras antes da cita final da xornada, o solpor gastronómico-musical que terá lugar na Eira ás 20 horas.

O talento artístico xa se deixou ver onte en Ponteceso, posto que esta cuarta edición do certame internacional de pintura Fernando Álvarez de Sotomayor chegou acompañada este ano por un concurso infantil que permitiu aos máis pequenos dar renda solta á súa creatividade. Sesenta cativos de entre 4 e 13 anos participaron nesta actividade coordinada por Eloi Mancebo, profesor da Escola Municipal de Pintura, e na ademais de moitos dos seus alumnos había outros nenos de Ponteceso e mesmo rapaces que están de veraneo na localidade coas súas familias.

O certame celebrouse na praza do Relleno e foi este escenario o que inspirou moitas das creacións dos pequenos artistas, pero tamén houbo quen optou polo retrato ou pola abstracción.

Este primeiro certame infantil tiña tamén carácter benéfico, posto que as obras foron puxadas e permitiron recadar preto de 700 euros, que foron entregados á asociación Íntegro. A música puxo o animado colofón a unha exitosa tarde de talento e solidariedade coas actuacións dos laxenses Colaxe e do coñecido grupo de música infantil Mamá Cabra.