«Coa autovía sáldase unha débeda histórica de Galicia con esta comarca»

V. Couto, T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

«Os veciños da bisbarra gañarán en seguridade, competitividade e en todo tipo de oportunidades», di

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Amante das matemáticas e a física, defínese como técnica e xestora. Sempre di que se desenvolve mellor cos números e os planos (é enxeñeira de Portos, Canais e Camiños) que ante os micrófonos. Pero, sobre todo, presume de ser de Bergantiños cada vez que vén presentar ou acode a algún tipo de iniciativa. Ethel Vázquez Mourelle (Ponteceso, 1972) é conselleira dende o 18 de xuño de 2014. Na actualidade leva a carteira de Infraestruturas e Vivenda. E aproveita a ocasión para lembrar a súa primeira entrevista concedida a La Voz de Galicia de Carballo en novembro de 2014: «Daquela dixen que o tramo un da autovía remataríase no 2016 porque os informes así o avaliaban e aí está o resultado: é unha realidade. As hemerotecas tamén teñen esas cousas boas», recordou.

-¿Confirma a data da inauguración da obra para o vindeiro venres (día 29)?

-Eu diría que si. En todo caso, neste mes entrará en servizo a autovía da Costa da Morte.

-¿E como valora este feito?

-Trátase dunha excelente nova, que vai permitir saldar unha débeda histórica de Galicia con esta comarca. Os veciños gañarán en competitividade, seguridade e en todo tipo de oportunidades que se lles ofrezan.

-¿En que estado se atopa a obra nestes momentos?

-Está practicamente rematada. Quedan pequenos flocos e detalles de última hora. Falamos de cuestións menores relacionadas basicamente con sinalización vertical e horizontal.

-¿Como valora, na distancia, todo o relacionado aos trámites de licitación e execución dos traballos?

-Gustaríanos que rematara moito antes, pero en calquera caso deberiamos estar satisfeitos pola posta en servizo desta infraestrutura. Pero tamén lembro que épocas de bonanza económica puxéronse, en concreto na etapa do bipartito, varias pedras e nada máis. Tivo que ser este Goberno o que fose capaz de superar todos os atrancos. Ata un grupo político levou o proxecto á Fiscalía. Todo foron problemas, pero fomos quen de executar a obra e ter 27 novos quilómetros libres de peaxe e en pouco máis de ano e medio. Por iso quero agradecer aos técnicos da consellería e da empresa concesionaria por facer ese esforzo en rematar a obra nun tempo incrible.

-¿Garante que será unha autovía completamente gratuíta?

-Completamente garantido. Será gratuíta o cen por cento. Non haberá discusión ao respecto.

-¿Canto custará o mantemento a partir de agora?

-Unha cousa é o mantemento e outra o pago da autovía. O que é o pago da mesma, farase polo réxime concesional. Trátase, para que a xente o comprenda, dun procedemento similar ao da compra dunha vivenda mediante unha hipoteca. No caso da autovía, págase un pouco máis pero garántese un mellor servizo. Será algo máis dun millón de euros ao mes durante un prazo de 25-30 anos. Pero tamén hai que aclarar que pagaremos máis en función da excelente calidade e pagaremos menos se a calidade non é boa. Con iso garantimos que a empresa concesionaria levará a cabo unha excelente calidade do servizo, porque en función diso pagaráselle máis ou menos.

-¿Que vantaxes ve na autovía?

-Como veciña que son da comarca vexo moitos puntos favorables. Acúrtanse os prazos das viaxes, comunicando de xeito máis rápido A Coruña coa Costa da Morte, mellórase a seguridade dos condutores e ábrese una amplo abano de oportunidades para todos os sectores produtivos da zona.