Domingo de arte, música e sabores en Ponteceso

La Voz

PONTECESO

Un centenar de artistas buscarán hoy la inspiración en la villa de Pondal

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

? León, Cieza (Murcia), Las Lagunas (Málaga), Oviedo, Olvera e Xerez (Cádiz), Madrid, Xixón, Barcelona, Almería, Sevilla, Bilbao, Logroño... Artistas chegados de toda a Península -e por suposto das catro provincias galegas- converterán hoxe Ponteceso en fonte de inspiración mentres pugnan pola suculenta bolsa de premios do certame de pintura Fernando Álvarez de Sotomayor.

A piques de acadar o número máximo de inscritos -un cento, como os anos que cumpre o cadro Comida de voda en Bergantiños-, o éxito de participación deste certame xa está garantido e só queda comprobar coma as paisaxes e a arquitectura da vila de Pondal cobra vida no seus lenzos. Terán desde as 11 -hora límite para as últimas inscricións- ata as 17 para dar forma ás súas obras, pero mentres toda a localidade gozará dunha xornada de festa da cultura e dos sabores.

Así, os grupos Os Farrapos e Os Campantes encherán as rúas de Ponteceso de animación musical e Inllar fará un pasacalles (12.30) desde o centro cultural (punto de encontro dos artistas), ata a praza do Relleno, onde fará unha exhibición de danza tradicional.

Os hostaleiros locais sumaranse tamén a esta xornada festiva obsequiando á clientela con saborosas tapas e o calexón da Vieira acollerá unha sesión vermú co grupo Calipso. A sinerxía do certame estenderase tamén aos actos da 23ª. Feira-Exposición. Paseo do Cabalo, que se celebrará tamén durante esta xornada. Unha calexa cunha parella caracterizada como os noivos do cadro de Sotomayor percorrerá a vila tendendo lazos entre os artistas, os veciños e os visitantes e os actos que terán como epicentro O Pinguel desde as 10.

Pero antes diso, de volta no centro cultural, ás 18.30 farase público o veredicto do xurado formado por Maya e Fernando Sotomayor, Hernán Cortés Moreno, Siro López, María José Pousa, Xosé Ameixeiras, Lois García Carballido e Xosé Regueira e saberase quen se leva os 12 premios (por importe total de 8.100 euros) do certame. Os autores non galardoados poderán expoñer e poñer á venda as súas obras antes da cita final da xornada, o solpor gastronómico-musical que terá lugar na Eira ás 20 horas.