Volver á aldea sen retroceder

jaime izquierdo Vallina

PONTECESO

ana garcía

O caso de Elena Ferro, da Merza, unha zoqueira que regresou para reinventar o que sempre se produciu

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 21 último celebrouse na aldea de O Couto (Ponteceso), e organizado polo Pondal Fundación Eduardo, o III Encontro de Aldeas Singulares. Entre as iniciativas presentadas quero destacar a de Elena Ferro, unha moza zoqueira de Merza (Pontevedra), porque sintetiza, como metáfora, o relatorio que a organización me pedira que desenvolvese e que titulei Volver á aldea sen retroceder.

A proposta de Elena resume a esencia da idea sobre a que se articula o novo discurso aldeán: reinventar o que se sempre producíu a aldea (sexan zocos, chourizos, patacas ou paisaxe) buscando una nova funcionalidade e uns novos mercados no sociedade posindustrial.

Aldea histórica

A aldea histórica foi o primeiro ensaio urbano da humanidade. Nela alumeáronse os principios xerminais que logo, aumentados e reinterpretados, usarían as vilas e as cidades. A cidade actual é a aldea que se fixo obesa ou culturista. Case todo o que ten unha cidade moderna tíñao, ao seu xeito, a aldea.

Os tres elementos fundacionais da aldea (sistema produtivo, organización comunitaria regulada por unha ordenanza e mercado de referencia) seguen sendo as claves esenciais para que as adeas rexurdan da súas ruínas. O sistema produtivo aldeán estaba en mans das casas, esas unidades complexas de traballo e produción que combinaban a súa natureza de familia troncal cunha organización empresarial, na que o pai era o director xeral; a avoa, a responsable da educación para a cidadanía aldeá, e os fillos a a esposa, a clase traballadora. A ordenanza da aldea regulaba o acceso aos usos dos recursos naturais comunais e a organización dos traballos colectivos. E o mercado, case sempre de proximidade e situado na vila ou cidade da que a aldea era un satélite, era o espazo de intercambio e venda de excedentes.

Orixe familiar

Elena Ferro procede dunha familia especializada na elaboración de zocos de madeira que iniciaba a súa andaina no 1915. A partir da industrialización, e o inicio da decadencia da vida campesiña (en torno aos anos 60) a venda tradicional de zocos entra en declive. Elena, que se criara no oficio, entre o taller e as feiras, fóra de dar os zocos por mortos empeñouse en darlles nova vida, buscando un novo mercado. E atopouna na cidade globalizada.

Os zocos xa non serán o calzado dos campesiños senón unha posibilidade orixinal no calzado de novos clientes urbanos. Algúns cambios estruturais e tecnolóxicos (os zocos tradicionais pisaban sobre brando: prado, barro, horta, pero os novos para a cidade pisan sobre duro: lastros, lousas e asfalto) lévana a introducir madeiras más brandas e, sobre todo, a deseñar e imaxinar soños para os pés. E aí é onde o mundo de Elena se dispara e produce unha síntese que a leva a desembarcar no século XXI cun calzado milenario de madeira que nacera na aldea pero, como tantos galegos, emigraba á cidade.

Espírito que a move

Sen dúbida, a transición da aldea histórica á posindustrial será máis complexa que a proposta de Elena, pero a súa iniciativa serve de referente pois xurde dunha decisión persoal que combina a querencia polo propio co desexo de buscarlle acomodo no futuro.

Ese é o espírito inicial que a moveu e o que debería movernos aos demais para desencadear un proceso de re-volta aldeá: cariño pola aldea e actitude positiva para apostar pola súa rehabilitación son imprescindibles para lanzarse a esta aventura. Polo demais, a aldea do futuro necesitará activar os mesmos tres elementos esenciais que a do pasado: produción, organización e mercado, se ben previamente teremos que actualizalos e contextualizalos. Como os zocos.

Proceso de cambio

A empresa campesiña da familia troncal foi substituída por novos tipos de familias, polo que xa non será a encargada da produción aldeá. Ha de ser substituída por un sistema local de empresas, ou unha cooperativa de base territorial e agroecolóxica, que fose capaz, como tiñan feito o conxunto das casas da aldea no pasado, de mobilizar todos os recursos locais. E, por último, no mercado non entrarán só produtos propios do mercado (alimentación, enerxías renovábeis, turismo rural..) senón contratación pública para a tutela da paisaxe, o mantemento da biodiversidade, a conservación do patrimonio ou a salvagarda por funcións medioambientais de interese social: subministro de auga, eliminación do CO2, mantemento de sendeiros...

A que está por vir, se vén.

A aldea do pasado xestionou o territorio do que hoxe se denominan espazos naturais. A aldea do futuro podía facelo de novo. A min non me cabe ningunha dúbida. Aínda así: ¿Por que deixamos que morran? ¿Por non alcanzamos a entender a potencialidade das aldeas, a súas culturas campesiñas asociadas, como xestoras do territorio e produtoras de emprego e desenvolvemento agroecolóxico? ¿Por que non facemos un ensaio deseñando un prototipo de aldea do século XXI? ¿Por que falamos tanto de cidade intelixente e nada de aldea intelixente? ¿Por que as damos por mortas se só están durmidas? ¿Por que en plena exaltación da sociedade do coñecemento desprezamos o coñecemento aldeán?

A razón, na miña opinión, é que a nosa visión paternalista, derrotista e nostálxica impídenos mirar para a aldea como futura xestora de uns criterios abandonados. Creo que no fondo na coñecemos e por iso non recoñecemos o seu potencial. Temo que aí radica o problema pois o que non se coñece, non se quere. Non é tanto a dubida sobre a viabilidade futura da aldea a que inhibe a iniciativa no seu favor; é a falta de afecto e o desapego da nosa sociedade urbana sobre ese extraordinario invento da humanidade.

É a nosa capacidade de pensar doutra maneira e a desafección polo propio ou, peor aínda, o prexuízo, o que inhibe o despegue da actitude imprescindible para abordar a rehabilitación da aldea. É o noso omnipresente pensamento urbano, vertical, burocrático e único o que nos impide que nos atrevamos a emprender o camiño de retorno á aldea, agora oculto pola maraña burocrática, a apatía académica, a desafección cidadá e o minifundismo político.

Elena Ferro, zoqueira de Merza, pegoume na cabeza o outro día no Couto cun zoco de madeira e agora vexo claro. Deberiamos empezar por facer nas aldeas algo parecido ao que ela fixo cos zocos: poñerlles I+D, imaxinación e descaro, e comezar a camiñar.

Jaime Izquierdo, asturiano, é especialista en desenvolvemento rural, escritor, alto cargo de Administracións e levou varios premios polo seu labor.

análise

«¿Por que deixamos que morran as aldeas