Chegou o tempo de vivir as Festiletras

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Hoxe comeza no Couto, en Ponteceso, a meirande celebración da cultura galega

15 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Botan a andar as Festiletras do Couto. Hoxe, domingo. Van 34 anos do que, dun tempo a esta parte, vén chamándose «milagre». O milagre da cultura, de ter a celebración das Letras Galegas máis grande de Galicia: dino moitos, e con coñecemento recoñecido. É unha festa feita con agarimo dende unha aldea moi pequena. Á fronte da organización, coa colaboración de moitas entidades e persoas, está a Fundación Eduardo Pondal. O seu xerente, Xosé María Varela, lembraba este venres en Radio Voz Bergantiños como foron cambiando as cousas. Nos anos iniciais, contou, a máxima ilusión era instalar na praza do pobo un tenderete con libros e outro con artesanía. Sempre tiveron esa idea asociada (libros-artesáns), pero a cita foi evolucionando tanto que hoxe son capital cultural recoñecida. No Couto xa se vivía estes días un ambiente de festa, mais tamén de traballo, de unión veciñal. Ferven as potas da ilusión e da acollida. A Aldea vai ser, sobre todo nestas oito xornadas de Festiletras, un «punto de encontro». Os máis grandes das letras, da música ou do humor conviven coa xente de a pé, de diario, «coa xente de por aquí», esas persoas que, como conta Varela, son as que nunca queren esquecer, as máis importantes, porque son a base de todo. É un logro deste ano o ter conseguido a participación de tantos, a través das corais, dos nenos, das escolas, dos pequenos do teatro... «Esperamos que saia o mellor posible e que poidamos recibir a un gran número de visitantes», afirmou Xosé María. O obxectivo é ir mellorando sempre, non xa cuantitativamente ou en cifra de asistencia, senón tamén en calidade, con opcións para todos os públicos. Ao espírito daquelas festas felices que sé facían só cunha gaita e un pandeiro é ao que apelan estas Festiletras que fan do Couto un lugar de contacto entre idades e xentes. Xa é unha cita anual. A pequena aldea abre as súas portas -xa o fai o resto do ano- para recibir a xente de outras parroquias, doutros municipios e doutras comarcas. Dende hoxe ata o día 22.

O programa de hoxe

12.15 horas. Hoxe bota a andar a 34.ª edición das Festiletras do Couto, a pequena grande Aldea de Ponteceso. Para as 12.15 horas desta mañá de domingo está prevista a chegada de autoridades e homenaxeados á sede da Fundación Eduardo Pondal, onde serán recibidos polo padroado. Ás 12.30, participarán todos na ofrenda floral diante do monolito da igrexa parroquial.

12.45 horas. Precedidos polos actores que escenificarán a Rosalía, Curros e Pondal, así como pola banda Inllar, os Bos e Xenerosos deste ano entrarán no salón da Fundación. Son Isabel Blanco, José Luis Rabuñal, Fina Casalderrey e Carlos Núñez. Estarán presentes o secretario xeral de Cultura, a directora xeral de Relacións Institucionais, o presidente da RAG e a vicepresidenta da Deputación.

13.20 horas. Una vez que remate a entrega dos Premios Bos e Xenerosos, coa intervención de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, será a quenda para a música. A primeira das pequenas interpretacións correrá a cargo de Guillerme Fernández e Guadi Galego. Ela, precisamente, foi unha das Boas e Xenerosas do 2015. Non puidera acudir ao acto de entrega, polo que este ano sacará esa espiña.

13.30 horas. Logo de Guadi e Guillerme, no salón da Fundación Pondal, sobre as 13.30 horas, poderá escoitarse o Himno de Galicia, a cargo da coral A Oliveira de Monte Branco, tamén de O Couto. Será xa o fin do acto da entrega dos Premios Bos e Xenerosos, toda vez que os asistentes poderán participar logo dun pequeno ágape na lareira da sede, sobre as 13.35 horas.

17.00 horas. O escritor Manuel María, a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas, está moi presente no programa das Festiletras. Por exemplo, en iniciativas como «O Carro», nome que engloba a un encontro de corais previsto para as 17.00 horas desta tarde na Casa dos Veciños do Couto. Son catro formacións e as corais chegan dende Cecebre, Cesullas (Cabana), Corme e O Couto.

19.00 horas. Esta xornada inicial das 34.ª Festiletras do Couto rematará da man dunha formación extensamente coñecida e cuxas voces levan conquistado a moitos ao longo da súa traxectoria. Voces saídas do fondo e con mensaxes que calan son as de Mini e Mero. O seu concerto será tamén na Casa dos Veciños do Couto e está previsto para as 19.00 horas. Mañá, máis.

Oito días de actividades

Os nenos, sempre futuro do país, teñen cada ano un enorme protagonismo nas Festiletras. Haberá actividades de convivencia variadas e mesmo se dará por iniciado un certame de teatro infantil moi especial, co nome de Xosé Neira Vilas. Gozarase con foliadas coma nos vellos tempos, de humor con Quico Cadaval e Carlos Blanco, roteiros, gastronomía local maridada con folk, obradoiros, recitais de poesía, encontros de análise sobre as aldeas e o seu futuro, arte nas persoas de Bieito Romero, Sés ou Caxade, artesanía variada, pintura, libros...