Déficit cero: ¿A costa de quen?

Óscar Pose A VOZ DOS AFECTADOS

PONTECESO

23 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Omedio rural galego está atravesar unha das súas peores crises económicas da súa historia derivada en grande medida pola falta de liquidez que atravesan as explotacións lácteas que viñeron sendo tradicionalmente o pulmón financeiro de comarcas enteiras como a de Bergantiños, Soneira ou Xallas. Unha triste realidade para que non cabe outra interpretación e na que, con matices, coinciden todas as forzas políticas, sindicais e o conxunto das administracións tanto en Galicia como no Estado.

Con este marco socioeconómico de referencia non se entende logo unha actitude tan inexplicable e cicateira como a que está a amosar a Xunta de Galicia ao reter os pagos das axudas da PAC do exercicio 2015 a centos de explotacións agrogandeiras galegas nun momento tan delicado.

O alto nivel de endebedamento dos gandeiros, ademais, vai a provocar que o ingreso desas remesas da Unión Europea vai servir no 90 % dos casos para pagar débedas contraídas na compra do penso, dos fertilizantes, dos medicamentos, etc. Os cartos van ir directamente ao tecido económico e comercial da comarca. Cando hai unhas semanas o presidente da Xunta facía gabanza de que Galicia está ao día nos pagos porque tiña liquidadas todas as obrigas, esquecía que si figura como moroso en moitas granxas de Carballo, de Ponteceso ou de Muxía ás que lles adebeda o pago das axudas da PAC, nas que por certo o papel da Xunta é meramente administrativo xa que os fondos proveñen da Unión Europea.

Descoñecemos se detrás de tal esquecemento está a idea de que Feijoo xa non conta aos gandeiros entre as responsabilidades de pago a cumprir ou ben que retendo na Consellería de Facenda os fondos europeos da PAC unha tempada resulta máis doado aparecer como o campión do equilibrio orzamentario. En calquera caso desde Unións Agrarias esixímoslle un pouco de lealdade co medio rural para pagar o que debe, e tamén que sexa consciente de que está metendo nun lio fiscal a moitos gandeiros ao acumular previsiblemente dous pagos nunha única anualidade para alegría de Cristóbal Montoro, ministro de Facenda.