«A opinión da poboación sobre a paisaxe é fundamental»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCÍA

A Costa da Morte foi unha das zonas de Galicia onde a poboación identificou máis lugares de especial interese

14 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Inés Santé Riveira é a directora do Instituto de Estudos do Territorio, un organismo da Xunta adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que ten, entre outros cometidos, a realización de estudos e actividades de planificación para avanzar cara un equilibrio entre o aproveitamento e a conservación dos recursos naturais. Hai uns días, os obradoiros itinerantes que teñen en marcha na entidade que dirixe trouxérona ata Ponteceso. Onte, Inés Santé falou en Radio Voz Bergantiños.

-¿Como foi ese taller no Couto?

-Moi ben, interesante e fructífero, como todos os que estamos levando a cabo neste proceso [de elaboración de directrices da paisaxe]. A opinión da poboación sobre a paisaxe para nós é fundamental, de aí estas iniciativas. Temos un protocolo de colaboración e participamos en diferentes actividades de sensibilización e formación á poboación, nenos... para concienciar da importancia da paisaxe e da súa conservación. Dentro deste protocolo foi onde xurdiu a posibilidade de celebrar o taller coa Fundación Eduardo Pondal. Deste xeito, estamos celebrando agora 50 obradoiros anuais, nas 50 comarcas paisaxísticas de Galicia e, á parte, con asociacións especialmente vinculadas con isto, facemos talleres específicos, coma este de O Couto.

-¿Houbo moitas propostas?

-Queda agora analizalas, porque o procedemento é a través dunha plataforma web. As persoas traballaron con ordenadores nunha sala de informática: identifican lugares coa paisaxe que lles interesa analizar, localizan esa zona e valórana: se lles gusta ou non, moito ou pouco... Logo, para esa paisaxe, din que medidas cren que se debería levar a cabo.

-¿Cales son as medidas máis habituais para esa protección?

-Hai unhas 36 medidas e incluso se lles dá a opción de engadir algunha nova. Son de todo tipo, relacionadas con todos os elementos da paisaxe: os usos agrarios, a conservación da estrutura parcelaria, os usos forestais, medidas sobre as especies a plantar, medidas relacionadas co patrimonio cultural, outras referentes a actividades industriais e enerxéticas...

-¿Cales son as características que ha de ter unha paisaxe para figurar no catálogo das protexidas?

-No catálogo de paisaxes, que foi o documento previo a estas directrices, e que está en exposición pública, recóllense todos os tipos de paisaxe de Galicia. Trátase de caracterizalas todas. É unha tarefa difícil, pero foi o que se intentou facer. Á marxe diso, limitáronse unhas áreas de especial interese, nas que se buscaban diferentes tipos de interese paisaxístico e que estes fosen notables. É dicir, buscouse diversidade de valores paisaxísticos: naturais, culturais e patrimoniais e estéticos e panorámicos. Aínda así, partimos dun concepto básico: todo o territorio é paisaxe, todo territorio ten valores paisaxísticos e todos deben ser seccionados. É certo, non obstante, que si identificamos unhas zonas cunhas características de especial valor que deben ser resaltadas e protexidas.

-¿Queda por concienciar para protexer a paisaxe? ¿Custa moito?

-Tense avanzado moito nos últimos anos, pero aínda queda moito por facer. A poboación ten que darse conta de que a paisaxe é un ben común, un ben de todos, que contribúe a mellorar a nosa calidade de vida e que é un motor socioeconómico, pero iso implica que temos que estar dispostos a aceptar certas limitacións ou restricións.

-¿É a paisaxe a nosa maior atracción, xa dende o punto de vista turístico?

-Si, pénsao moita xente e tamén as persoas que tratamos de xestionala e mellorala. Estamos convencidos de que é un dos principais motores de desenvolvemento de Galicia, unha das súas principais riquezas que ten que ser posta en valor.

-¿Temos moitas paisaxes protexidas por aquí pola Costa da Morte?

-Unhas cantas, tanto no catálogo en xeral coma nas paisaxes protexidas. Lembro que, no proceso participativo para a elaboración do documento, a Costa da Morte foi unha das zonas de Galicia onde a poboación identificou máis lugares de especial interese. Ademais, foi unha poboación participativa, con asistencia aos talleres, aporte de información a través da plataforma web... O cal é un sinal do grao de sensibilización e concienciación.

-¿Aínda se pode seguir «nominando» espazos para esas áreas de especial interese que recollen?

-Trataremos de que sexa un documento aberto. Ten que reflectir o carácter da paisaxe, que é algo moi dinámico, incluso dependendo da percepción da poboación, que muda co tempo. Así o imos implementar cando se aprobe.