A vida de aldea que gardan os cestos

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A artesanía pode ser vía de futuro e de reivindicación e iso sábeno ben no Couto

02 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O interese pola cestería prendeu no Couto coa forza do vimbio. Mentres a mestra Lola Tourón fala, os alumnos traballan coas mans e escoitan. Están de acordo co que ela di, confirman despois. Nun baixo desta aldea de Ponteceso, e da man da Fundación Eduardo Pondal e da Dirección Xeral de Inclusión Social, botou a andar en marzo unha especie de segunda parte dun curso iniciado xa o ano pasado. Os participantes naquela primeira edición colléronlle o gusto e mantiveron a afección durante todo o inverno, creando despois un colectivo ben amplo que deron en chamar O Son das Varas. De novo, todos os alumnos desta segunda volta (12, na súa maioría xa estaban tamén na primeira) son parados de longa duración ou en risco de exclusión laboral, polo que o curso ten moitas implicacións.

A profesora Lola Tourón di estar moi contenta, xa non só polo interese que ve nos participantes e mesmo nos máis novos. Refírese a que, á marxe das primeiras introducións con materiais de fóra, é tamén unha vía para a recuperación dos autóctonos, de aí a recollida e recolección de avea silvestre, xuncos ou salgueiros. O Son das Varas ten plantado xa o seu propio vimbio e centeo. É un exercicio, asemade, de recoñecemento do terreo. «Trátase de ser o máis autónomo posible, de recuperar a utilidade dos nosos materiais, porque vivimos nun entorno riquísimo», conta a mestra, detallando que tamén fan cestos con produtos de reciclaxe (o que bota fóra o mar, xornais...). As clases son xoves e venres, mais Lola, que é natural de Lóuzara, en Samos (Lugo), alugou unha vivenda temporalmente no Couto. «Son unha namorada desta aldea, encántame», confirma. Empezou a vir á terra bergantiñá aló polo 2006 e dende entón, ano tras ano, volve por actividades varias (con nenos, maiores...): «Decidín vivir aquí catro meses polo curso e tamén para gozar deste lugar, deste paraíso». Foise apañando cos outros compromisos, organizando ben os obradoiros que tiña previstos, para entregarse ao espazo pontecesá: «Tes todo cerca, o mar, o estuario, vas andando a todos os sitios...».

Reivindicar o rural

As sesións de cestería forman parte dun proxecto máis amplo denominado Facer aldea. De feito, tiveron xa novas implicacións. Este pasado mércores, por exemplo, botou a andar un club da calceta no bar Agra de Mares. De momento son 12 asistentes, pero contan con chegar a 20 e a participación é totalmente libre: «Cada un ensínalle ao outro o que sabe». Na carteira dos propósitos está tamén o impulso dun banco de sementes, ao que acuda xente do Couto, de Ponteceso e da comarca, para intercambialas. «Queremos valorizar o que temos no rural, recuperar o xeito de vivir que tivemos sempre, porque vivir na aldea é unha opción moi válida e é aquí onde está a calidade de vida, polo menos para min. Queremos reivindicar o dereito a vivir nela, creando posibilidades se non as hai», afirma Lola. De aí tamén a necesidade dunha horta e, xa que logo, das sementes. Fronte ás manipuladas, «nós xa temos aquí as nosas propias, adaptadas a esta terra». En conxunto, e incluíndo que as clases de cestería, coas súas correspondentes variedades técnicas, derivan tamén en conversas, xuntanzas veciñais e mesmo cantos, todo isto supón a potenciación da cultura propia, daquelas xuntanzas logo dos traballos diarios do campo.

Obradoiro no IES de Ponteceso

Dado que onte, hoxe e mañá son os Días Europeos da Artesanía, tamén este colectivo cesteiro do Couto quixo aportar o seu gran, así que participaron nun encontro cos rapaces do instituto de Ponteceso, onde están de Semana Cultural. Di Lola, e concordan os alumnos, que o que se precisa é buscar saídas comerciais para esta artesanía, porque vivir dela agora é imposible. Han de competir con produtos de moi baixo custo, «e é unha mágoa»: «As posibilidades da cestería son infinitas, non teñen límites». Tratan de recuperar as aplicacións en desuso, mais tamén de explorar as novas vías, que en realidade non o son tanto: cestería nas pasarelas, na moda (as carozas xa eran isto), nos decorados dos teatros, na arte, nas esculturas... Dende O Couto, a intención pasa agora por facer un estudo de mercado, ver que saídas pode haber e que interesaría facer a nivel global, creando tamén posibilidades. Cre Tourón que o consumidor ha de ser responsable, pensar a onde fai chegar os seus cartos: «Se se aposta por empresas locais, o beneficio é para todos». No horizonte fica a idea de crear una aldea autoxestionada, que dispoña de case todo. De aí este intercambio de técnicas e coñecemento. ¡Cantas cousas caben nun cesto, aínda que sexa pequeno!

Dende un punto de encontro a unha terapia

Consuelo e Gemma, esta última a alumna máis nova dos 12 asistentes, non estaban onte na clase, pero si os dez restantes. Por exemplo, Fina Cousillas. Aos seus 58 anos, conta que vive con medio pé na Coruña e outro medio no propio Couto, «pero é algo que non se pode comparar». Xa foi alumna de cestería o ano pasado e neste segue, non só pola aprendizaxe, senón polo encontro cos demais. María García, de A Brixaría, ten cinco anos menos ca Fina, 53, e tamén renova asistencia. Xa se tiña introducido na materia pola súa conta, plantando o seu vimbio, pero isto, segundo conta, é diferente. As perspectivas de futuro veas un tanto complicadas («é difícil de botar no mercado»), pero como axuda ao sustento ben pode servir, dende logo: «É laborioso e tenche que levar idea, pero se cha leva, sacas tempo de onde sexa». A maiores, considérao desestresante.

Veciña do Couto, Teresa Mato, con 67 anos, é das novas alumnas deste ano: «Estou retirada e veño pasar o tempo, pero pasar o tempo aprendendo». Xusto 20 menos, 47, son os que ten Teresa Seara, de Lestimoño, unha daquelas primeiras participantes que quedou integrada no colectivo O Son das Varas. Ela incide en que algo do máis fundamental é non perder o que había, recuperar o propio, de aí tamén a plantación de vimbio e de centeo. Para Santiago Varela (47, O Couto), este curso é un xeito de saír da casa, de probar novas cousas: «Ata o de agora só traballaba axudándolle á miña nai». Se cadra, cre, hai futuro; se cadra non. «Para min isto é unha terapia, venme ben», conta María Josefa Pardiñas, de Cerezo de Arriba. Os problemas quedan fóra cando traballa coas mans. Tamén é terapia para Alfonso Emilio Pérez, de O Couto (62). José Manuel Moreira (Tella, 54 anos, primeiro ano) e Xesús Bascoy, de Anllóns, coinciden en que ao primeiro custa arrancar, pero logo vai. Disfrutan co que fan, e así o conta Paula Pombo, de Corme (38 anos): «Gústame moito traballar a madeira, o mimbre...». Hai competencia para a artesanía, pero é cuestión de poñerse e de buscar vías.