«O voluntariado é unha axuda cara o exterior e cara o interior das persoas»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Felicita o traballo de entidades como a Fundación Pondal que apostan por iniciativas de calado altruísta e colaborador

21 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, é betanceira, mais di que «Ponteceso case pode ser a miña segunda casa». Onte, na sede da Fundación Eduardo Pondal, no Couto, mantivo un encontro coa mocidade, centrado no voluntariado. O seu coñecemento das actividades que levan a cabo nesta aldea -Escola de Tempo Libre, Escola de Verán, voluntariado, a Escola de Formación Continua en proxecto...- lévalle a dicir que, «se en todos os Concellos de Galicia houbese un O Couto, con esa implicación dos rapaces, outro galo cantaría». Vázquez estivo testando tamén estes días novas vías de colaboración coas universidades.

-¿Cales son as liñas estratéxicas para a mocidade neste 2016?

-A programación vén sendo máis ou menos a mesma ca no 2015, con pequenos cambios. Incrementamos o orzamento en case todas as ordes de axuda e tamén o orzamento por proxecto. Por exemplo, no caso de Iniciativa Xove. No Servizo de Voluntariado Xuvenil, cambiamos un pouco a filosofía. A única orde de axudas que había era a de voluntariado xuvenil e este ano dividimos en dúas partes: unha parte para esa rama e outra para voluntariado en xeral, porque o voluntariado comprende dende pequeniños a maiores e por iso entendemos que é necesario potencialo noutros sectores de poboación. Ademais, a orde de Voluntariado Xuvenil non permitía que repetisen voluntarios. Só podían participar unha vez e este ano estendemos a dúas. Dende o punto de vista dun Concello ou unha entidade, que un rapaz ou rapaza repita é un modo de consolidar que os proxectos teñan continuidade.

-¿É correcta a percepción de que cada vez hai un maior interese polo voluntariado, mozos e non mozos? ¿Vén ligado quizais ao feito de ter que buscarse novos camiños?

-Eu sempre digo que o voluntariado non só se pode ver como unha axuda aos demais, a colectivos máis desfavorecidos ou á conservación e preservación do patrimonio cultural e medioambiental, por poñer dous exemplos. Tamén é unha axuda persoal. O voluntariado é unha axuda cara o exterior e tamén cara o interior das persoas. Logo, ten outro compoñente moi importante: dende a Xunta apóstase, e apostouse xa no seu momento coa aprobación da Lei de Acción Voluntaria no 2011, polo certificado de experiencias voluntarias. É algo que se está apreciando moito dende as empresas: hoxe, a mocidade está moi formada, e está moi formada case toda a mocidade. Así que cando un departamento de recursos humanos ten que entrevistar a varias persoas, o que buscan son diferenzas e o voluntariado é un punto diferente. Este certificado oficial, de feito, foi un pouco o que puxo en valor todo isto [Galicia é, por agora, a única comunidade que certifica estas actividades, seguindo o modelo europeo]. O documento confirma que esa persoa en cuestión, non só fixo voluntariado, senón que adquiriu unha serie de habilidades e capacidades que, outras persoas que non o fan, non as teñen.

-¿En que ámbitos pode ser hoxe voluntario un mozo ou moza?

-Hai un montón de posibilidades: axuda e apoio nas rutas xacobeas, conservación do medio ambiente e do patrimonio, recuperación de tradicións, loita contra a violencia de xénero, limpeza de praias, voluntariado social, sanitario, hospitalario... Múltiples opcións nas que non é a Xunta a que di o que teñen que facer, senón que son as entidades e Concellos os que escollen e promocionan estas iniciativas.

-¿Detectan moita demanda?

-Galicia é un pobo solidario e altruísta. Demóstrase analizando os censos de entidades de accións voluntaria, onde hai preto de mil inscritas, e de voluntarios, cunhas 40.000 experiencias contabilizadas. Incrementouse nunha porcentaxe moi alta nos últimos anos.

-¿Como valora iniciativas paralelas como a Escola de Tempo Libre da Fundación Eduardo Pondal?

-É totalmente positivo. Trátase de sumar, e a Administración está para apoiar todos estes proxectos. Todo o que se faga dende o ámbito voluntario e altruísta, independentemente de que teña axuda ou coñecemento a Administración pública dilo, suma, non resta. Iniciativas como a da Fundación Pondal, e todas as asociacións que as apoian, son importantísimas. O único que temos que facer é aplaudir e apoiar.

-Dicía ao comezo que se cada concello tivese un O Couto, sería a cousa moi diferente en Galicia.

-Efectivamente. Tamén é certo que hai moitos concellos que apostan e apoian iniciativas deste tipo en Galicia. Agora ben, o do Couto é todo un exemplo a seguir.

-Temos aí, preto, o paro xuvenil, a emigración dos mozos... ¿En que momento estamos agora?

-Todos sabemos que o momento que acabamos de pasar non foi bo, pero penso que a xente xa ten un optimismo diferente. Isto está empezando a cambiar e quero transmitirlle aos mozos e mozas de Galicia que hai oportunidades. É duro non atopar traballo, pero o importante é non parar, continuar traballando, participando e loitando.

-¿Non se coñecen as opcións?

-Claro, e iso é un problema. Hai un sobreexceso de información e, a pesares de estar na era dixital, moitas cousas non chegan. De aí que despreguemos todas as nosas posibilidades, técnicos e informadores por todos concellos.

-¿Hai tamén posibilidades e futuro para os mozos do rural?

-Eu penso que o rural é o futuro de Galicia. Non hai un tecido empresarial amplo, pero por iso dicía que teñen que empaparse de todas as oportunidades, para emprender. O rural ten unha potencialidade enorme e hai sectores que non están cubertos, posibles nichos de emprego. Pequenas opcións que ao final son medios de vida e que, ensaiando e poñéndoas en marcha, o que fan é asentar poboación no medio rural.

-Mais parece que, se un estuda unha carreira e non traballa nesa profesión, é un fracaso. ¿Hai que abrir os ollos a outro tipo de opcións?

-Hai que abrir os ollos e, tamén, saír das zonas de confort. Non só os mozos, aínda que eles son o futuro da comunidade galega. Cando nos acusan da emigración xuvenil, eu digo que non botamos a ninguén fóra. Son oportunidades de coñecer outra cultura, outro idioma, outras opcións e visións empresariais.