Paula

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

PONTECESO

09 feb 2016 . Actualizado a las 17:22 h.

Apenúltima vez que falei con ela (a última foi na festa dos da parroquia), hai meses, díxome: «Quero gañar este concurso». Estaba emocionada, animada coa súa participación en Luar. Como non estalo: claro que podía gañar. Tiña unha voz extraordinaria, presenza física, sabía estar no escenario. Era guapa e boa xente. Empezara a descubrir que valía para isto non hai moito, aínda que sempre se lle dera ben cantar. E pouco a pouco: miles de visitas en Youtube, vídeos elaborados, concursos musicais organizados por ela con éxito no Lalín onde se criou... Nacera unha artista. Algúns iámola seguindo polas redes sociais. Agora é a maneira (unha delas) que temos os que xa non somos rapaces de saber dos fillos dos nosos veciños e amigos. E que cruel ver que alguén do teu tempo, con quen compartiches moitos anacos de infancia e adolescencia, lle morre a súa única filla.

A vida é demasiado cruel. Demasiadas veces. Inexplicable. Doen todas as mortes tráxicas, pero moito máis as de rapaces novos, e na estrada, con todo o futuro por diante. A moi poucos quilómetros da terra da súa nai, en San Cremenzo de Pazos (o pai é de Corme). Unha parroquia pequena en extensión e en xente que xa viu como varios veciños máis, nos últimos 25 anos, e tamén antes, perderon a vida nesa fatídica AC-552. E outros, non moi lonxe.

Onte pola tarde, esas mesmas redes nas que Paula cantaba e seguirá cantando por sempre para a lembranza, estaban cheas de mensaxes de incredulidade e despedida. De conmoción, de abrazos para a familia, para os amigos. Son as únicas palabras que saen cando nada se pode dicir, agás que descanse en paz.