«O comercio ten que ir cos tempos»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

«Hoxe, unha tenda que non ten escaparate en Internet ou nas redes perde oportunidades», conta a directora xeral

03 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, achegouse onte ata a sede da Fundación Eduardo Pondal, no Couto (Ponteceso), para falar do comercio intelixente: do que é e das vantaxes que supón, da necesaria adaptación.

-¿Que é iso que contan de que queren revolucionar o comercio?

-O que buscamos é este novo comercio que chamamos intelixente, o smart commerce. O comercio galego ten que ir cos tempos, cos actuais, e ten que prepararse, sobre todo agora que se detecta unha alza da confianza do consumidor e das vendas. Tenlle que dar respostas aos clientes, adaptarse a el, e o cliente é cada vez máis dixital: manexa o móbil, consulta Internet e as redes antes de mercar... Xa non é só imaxe, bolsas ou escaparates, que tamén, senón que este novo comercio, o comercio do século XXI; ha de chegar ao cliente por todos, todos os medios posibles.

-¿E que ofrecen entón para que esa adaptación sexa posible?

-Temos aberta unha liña de axudas para chegar a ese smart commerce, por un total de 3,1 millóns de euros. O prazo para solicitalas acaba ao 18 de febreiro, de aí tamén estas charlas. Subvenciónanse varios aspectos. En primeiro lugar, cambios na imaxe [axudas ata o 40 %]: o comercio do século XXI ten que entrar polos ollos e isto permite renovar o exterior ou equipamento. En segundo lugar, ferramentas de xestión [axudas ata o 50 % do custe]: á parte das terminais de punto de venda (TPV), hoxe hai de todo, ata perchas intelixentes que che din o stock que queda en almacén. Niso inclúese tamén a mellora do produto final: por exemplo, unha máquina que nunha mercería escanee un nome e permita incorporalo nun babeiro. A terceira rama desta liña de subvencións [asemade ata o 50 %] sería a referente ao packaging: unha bolsa bonita, unha caixa, papel cebola para envolver... todo iso mellora a percepción do teu comercio.

-Certo: hai exemplos de tendas que destacan entre o seu público polo ben que envolven os regalos.

-Iso mesmo. Logo aínda quedaría a cuarto apartado ao que axuda esta liña: a comunicación cos clientes. Hoxe, o comercio que non ten un escaparate en Internet, perde oportunidades. Incluímos axudas pensadas tanto para webs con comercio online como para aquelas que só son unha presentación de imaxe e filosofía. Ofrecemos ademais a posibilidade de que teñan un community manager que lle leve as redes sociais. Na actualidade, a maioría das tendas están en Facebook e Instagram. Twitter xa algo menos, pero hai quen non sabe empregar a linguaxe das redes e por iso nós habilitamos o servizo. Animámolos a estar presentes, porque inflúe: lembro unha mercería en Tui que vende moito a Valencia.

-¿Todo isto é posible aínda non sendo cidade, aquí na Costa da Morte?

-Si, porque para estar na rede dá igual o sitio físico, e chegas a todo o mundo. O teu mercado xa non sería só Ponteceso, ou os teus veciños, senón o mundo enteiro. O importante, e niso é no que incidimos, é como te presentes a eles.

«A nivel europeo, está habendo unha tendencia da xente de volta ao propio, ao local»

A maiores deses catro puntos subvencionables que habilita a liña de smart commerce (imaxe, ferramentas de xestión e mellora do produto local, packaging e comunicación cos clientes a través de web e redes), tamén se inclúe un apartado para asociacións ou federacións de comerciantes que pensen nalgún sistema de fidelización cos compradores, segundo conta Vázquez Abeal. Ela quere lanzar unha mensaxe de ánimo.

-Non queda outra que adaptarse aos tempos, polo que parece.

-Queremos que a idea vaia por aí. Sabemos que parece complicado, porque as cousas mudaron, pero se non se está preparado é aínda máis difícil. Hai catro anos ninguén diría que Facebook, por poñer un exemplo, tería tanta importancia para o comercio: case ningunha tenda estaba aí. Pero hoxe é necesario. Non obstante, tamén insistimos noutra cousa importante: para vender a través de Internet é preciso ter tenda fixa.

-Hai comercios locais, pese a iso, que ven a venda por Internet como prexudicial para eles.

-Lembro agora unha librería que distribúe libros moi específicos en galego. Xente que está en Cataluña, por exemplo, só ten esta vía. Non ten por que ser unha competencia: o que temos que buscar é onde está o nicho de mercado en Internet e aproveitalo. Hoxe en día, se poñemos o nome do que queremos en Google, saen moitas opcións, e o comercio en cuestión ten que estar aí.

-¿E con respecto ao outro grande «monstro», a grande superficie?

-Hai unha tendencia da xente, a nivel europeo, e non só en Galicia, a volver ao propio, ao local, ao pequeno comercio. Ikea mesmo pon tendas de demostración no centro precisamente por iso. O que queremos é lanzar unha mensaxe de ánimo ao comercio galego, porque todo son modas, e agora volve a moda do local, polo que hai que estar preparados.