A raíña de Gondomil

Suso de Basilio RELATOS HISTÓRICOS

PONTECESO

22 mar 2023 . Actualizado a las 14:12 h.

Dende que eu era neno, que tampouco hai tanto tempo, algúns cormeláns queren manter a lenda que tivemos unha raíña en Gondomil chamada dona Urraca. Quizais non estean descamiñados, porque, a verdade é que Gondomil algo de lenda esotérica tivo desde antano, comezando pola tristemente esquecida e esnaquizada Pedra da Serpe. E tamén a súa vista de privilexio ollando toda a nosa ría de Corme e Laxe, así como o seu enclave de antigo paso como saída e entrada de Corme Porto. Non en van este rilleiro atallo quedou para sempre nomeado como: Camiño das Regateiras.

Mais, cando o río sona, auga leva, e nesta fermosa e soleada aldea aínda quedan vestixios dunha casa feudal, pero que tampouco foi un castelo como para unha raíña. Tamén a historia nos conta que efectivamente houbo neste lugar moita fidalguía e señorío como iremos vendo. Cóntase tamén, que no 1750 o noso ilustre almirante Francisco A. Mourelle de la Rúa naceu en Gondomil.

Así pois, e volvendo ao tema que nos trae, non, non é certo que houbo raíña algunha, por moito que pescudei nesta historia que tanto me prace. A verdadeira raíña (e madriña de tódalas Urracas) foi Dona Urraca de León e Castela, que chegou a reinar á morte do seu pai o Rei Alfonso VI no ano 1109 cando tiña 28 anos. (Léase a historia desta raíña, ¡ai, que historia!, é apaixonante). É a partir de aquí, cando o feo nome de Urraca comeza a ser fermoso para toda a nosa nobreza. ¡Ata as mellores peras dos froiteiros tiveron que levar ese nome de por vida! Así foi como na nosa comarca, a familia Moscoso, tan afincada no noso contorno, aínda bautizaría en Laxe no século XIV á tal Dona Urraca de Moscoso y Castro. A partir desa data, xa aparecen nesta familia tantas Urracas como as peras do mesmo nome cada primavera. Esta familia foi a que ergueu a igrexa de Laxe e contaban ademais co título de Condes de Altamira.

Centrándonos na historia, anos adiante ou mellor séculos, atopamos como no 1698, o Mosteiro de Sobrado, afóralle o lugar de Gondomil a Antonio Moscoso e Caamaño, emparentado co conde de Altamira, aínda que o señor da casa fidalga, era Antonio España. Poucos anos despois, no 1706, bendícese neste lugar a Capela e Santuario na honra de San Antón de Padua, erixida por Thomas de Monroy, arcebispo compostelán.

A todo isto, debemos lembrar que a nosa primeira igrexa parroquial, Santo Hadrián Vello, estaba a escasos metros de Gondomil, nas Salgueiras, clausurada no 1791 cando se inaugurou a de Corme Aldea. As súa ruínas, aínda estaban en pé no 1915. Con este dato, e se nos fixamos en toda nosa comarca, podemos ver que as casas fidalgas e castelos, estaban case sempre preto das igrexas. Sen ir mais lonxe, temos as Torres do Allo, a Penela en Rioboo, as Torres de Mens, Pazo de Caión, Casa do Arco e do Aprazadoiro en Laxe, as Torres de Cereixo e un longo etcétera. A isto debemos engadir, que, moitas casas fidalgas, tiñan a súa propia capela.

Vemos logo, como os novos donos de Gondomil aínda conservaban dous séculos adiante o apelido Moscoso. Sen dúbidas creo que efectivamente as casas nobres de Gondomil foron erguidas por esta nosa fidalguía. Pero de raíñas nada, condesas e menos mal. ¡E de boa se libraron os nosos retataravós con tantas loitas polo poder de terras, castelos, fortalezas e predios! De habermos tido raíña, nós non estaríamos aquí hoxe contando o conto.

En certo xeito, a beiramar non lles era de grande interese á nosa extinta jetset da época. Porque eles non eran de comer barbadas, farros, bicudas nin xurelos. O da fidalguía era o pernil, galos, coellos e bo trigo. Perdón, tamén comían caldo con repolo e ollos de graxa amarela, todo hai que dicilo. Así estaban os pobres cos padecementos da gota. E o pobo sen gota, dicían eles, a nobreza. E o pobo tamén dicía: Non temos gota que levar á boca.

Malia todo isto para a nobreza, foi tamén, que, había unhas visitas na beiramar que non viñan traer as rendas de alugueres de leiras e pardiñeiros chamados casas, estes viñan levar: Había mouros á vista. ¿Como ía haber raíña en Gondomil?