Un menhir para Balbino

Luis Giadás

PONTECESO

Siro López

Homenaxe, hoxe, a Xosé Neira Vilas:«Estades todos convidados a participar nesta xornada de agarimo a Pepe», ás 17.00 horas

31 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Neira Vilas acadou o soño de todo escritor: que unha das súas criaturas acadara a categoría de arquetipo literario -coma Don Quijote ou Macbeth-, conseguindo que todo un pobo se vira reflectido no sufrinte espello de Balbino.

Mais non só os galegos identifícanse co neno aldeán: o asombroso éxito de traducións ás linguas máis inimaxinables -maya, esperanto, sistema Braille- pon de manifesto que, malia a rápida urbanización xurdida nas últimas dúas xerazóns, as raiceiras campesiñas da Humanidade están moi fondas. Si, Balbino, non é un ninguén, coma el pensa: Balbino somos, un pouco, todos nós.

Pero non deixemos que este picariño labrego eclipse a outro personaxe, de poderosa personalidade: Sara, a noiva fiel do «querido Tomás», unha Penélope que non se resigna a dar un paso atrás, nin a destecer a súa tea -coma a homónima do poema de Díaz Castro- senón que representa á Muller Galega, á Matriarca da Raza, que recollen nos seus lenzos os Anovadores -Seoane, Colmeiro, Maside- e nas súas labras Asorey? en fin, á moura que leva a tampa do dolmen sobre a súa cabeza, namentres fía na roca e aleita o seu fillo? Ollo a Sara, un arquetipo rexo, ó que convén poñer en valor máis aínda. Para os habitantes da Ribeira Baixa do Anllóns -o Val Nativo-, Neira Vilas será sempre Pepe: o noso patrono emérito da Fundación Pondal, asesor, conselleiro, mestre de cerimonias, tertulián? amigo. Por iso, este domingo 31 de xaneiro [hoxe], queremos renderlle unha homenaxe, coidamos que coma el lle gostaría: familiar, cálido? humilde.

Este tributo de afecto materialízase nun menhir (tótem pondaliano), seleccionado por Martín, encargado de López Cao, na canteira Olveiro, en Cances -un bloco de pedra clara e feitura romboidal-; transportado por Alejandro, traballador municipal de Ponteceso; elixido o seu emprazamento por Andrés Breixo, aparellador do devandito Concello; inscrita a placa conmemorativa executada por Xosé Vizoso; ilustrado o acto cun cartel coa efixie de Pepe por Xaquín Marín, aportando un cadro alegórico Siro López? e, todo isto, arroupado polas máxicas teclas do acordeonista O? Mighelo de Cances, a cristalina voz de Silvia Losada, a vibración emocionada de Tamara Lema, o virtuosismo de Blanca, a sonoridade rotunda da Coral A Oliveira, as voces infantís? os novos Balbinos recitando, cantando textos de Pepe. Estades todos convidados a participar nesta xornada de agarimo a Pepe?

Non faltedes!

Esta tarde, ás 17.00 horas, no centro cultural de Ponteceso.

Fundación Eduardo Pondal e Concello de Ponteceso.