Pondal e o campanario do Couto

juan félix neira pérez

PONTECESO

O poeta pontecesá glosou nos seus versos as melloras realizadas no templo por unha familia de canteiros

04 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os recentes traballos de acondicionamento acaban de deixar a igrexa pontecesá de San Martiño de Cores branca como unha noiva. Afeitos á pátina que deixa o tempo nas nosas pedras, sorprende ver ese brancor nun edificio centenario. A propósito deste feito, poderiamos traer aquí o recordo dun poema de Pondal, Volvendo de longes terras, que é un canto tan encomiástico como minucioso ao seu «val nativo», aludido a través de abundantes topónimos. Entre outros moitos lugares, evoca «o Couto e o seu campanario,/ garrido e branqueador».

Pois ben, non menos interesantes que estes dous versos son as súas variantes textuais, que o poeta rexeitou e coñecemos pola espléndida edición crítica de Manuel Ferreiro. Como alternativas ao verso «garrido e branqueador», escribe o pontecesán: «que fixo Gamallo bo» e que Gamallo antigo obrou». Non é razoable pensar que a brancura do campanario derivase de estar caleado, pois a pedra lucía espida en torres e espadanas; si se branqueaban os muros dos templos, e así están moitos aínda hoxe, ou os pombais, cuxa brancura tamén cantou Pondal. Non debemos interpretar, por tanto, ao pé da letra o adxectivo «branqueador». Pondal oficia aquí, ante todo, como poeta, e a poesía é o reino da liberdade expresiva. Quizais a torre da igrexa branquee ao recibir os raios do sol, que lle fan destacar sobre o verdor das feraces terras do Coto de Almerezo.

Obras na igrexa

As importantes reformas na igrexa de Cospindo tiveron lugar trinta e cinco anos antes do nacemento de Pondal, e o poema debe de datar dos anos oitenta, co cal parece que os Gamallo deixaran a súa lembranza na memoria dos veciños, ou se cadra aínda quedaba algún Gamallo no Couto, como veremos. En calquera caso, Pondal sabía ben o que dicía, xa que o Libro de Fábrica de San Tirso de Cospindo confirma o dato aportado polo bardo. En torno a 1791, o frontispicio (a fachada) e laterais da igrexa do Couto estaban «demasiado avejentados, y destruidos», e o visitador eclesiástico invita a reedificalos e a branquear o edificio. Así se fai poucos anos despois. En efecto, temos a tres canteiros apelidados Gamallo traballando nas obras: Manuel Gamallo el Viejo, que cobra 10 reais diarios; Manuel Gamallo el Mozo, «maiestro», 7 reais; e José Gamallo, irmán deste e cuxos emolumentos eran de 6 reais ao día

No ano 1800, aséntanse os seguintes cargos na contabilidade parroquial: ao mestre Manuel Jamallo (escrito así, con gheada) páganselle 1412 reais por 176 días de traballo (8 reais diarios) na «fábrica del frontis y torre de dicha iglesia». Joseph Jamallo, tamén mestre, recibe 1092 reais por 172 días empregados na mesma obra. Sabemos incluso que a feitura da cruz da torre (a actual está deteriorada e necesitada dun arranxo pola rotura da bola pétrea na que se asenta) correspondeu ao ferreiro Antonio da Toxa. Outros canteiros traballaron no igrexario de Cospindo, como Antonio do Souto, mestre de cantería que en 1802 reedificou a Casa da Fábrica.

Estes arxinas, como se dicía na xerga ou «latín dos canteiros», procedían dunha zona de longa tradición no traballo da pedra, berce de centos de mestres que, espallados polo país, ían erixindo o noso patrimonio arquitectónico. A documentación sinala que eran veciños da freguesía de San Martiño de Figueroa, no actual concello pontevedrés de Cerdedo, na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Aínda que Brantuas e Niñóns eran parroquias célebres polos seus canteiros, fachadas e torres de igrexas eran palabras maiores: estes contratos asignábanselle aos famosos canteiros pontevedreses.

Os Gamallo no Couto

Se temos en conta que o apelido Gamallo procede desa bisbarra do interior da provincia de Pontevedra, é tentador pensar que os Gamallo se instalaron durante certo tempo en Cospindo e deixaron descendencia aquí. De novo a documentación parroquial aporta algunhas pistas: en santa visita a Malpica en 1828, o arcebispo compostelán impón o sacramento da confirmación a centos de fieis, entre eles a moitos do «Lugar del Coto» (Couto), como a Francisco Gamallo, fillo de José Gamallo e María do Mato; e a José Cotelo e María Gamallo, a súa muller, xunto cos seus fillos María Josefa e Vicenta. José Gamallo morre unha década máis tarde no Couto, pobre, pois é «funerado de caridad». Abofé que non faltaban Gamallos na parroquia de Cospindo: moitos anos máis tarde, na década de 1870, son soterrados no camposanto do Couto José María, Francisco e Juana María, os tres apelidados tamén Gamallo.

O monumental -nunca mellor dito- estudo de Lema Suárez, A arte relixiosa na Terra de Soneira, así como os estudos de López Añón, confirman a presenza desta casta de canteiros na Costa da Morte, onde deixaron a súa pegada na última década do século XVIII e nas tres primeiras do XIX. Manuel e os seus fillos José e Manuel traballaron nas parroquiais de Serantes (Laxe); Treos, Carnés e Cereixo (Vimianzo); e Leis (Muxía). Un Juan Gamallo obrou tamén na igrexa carballesa de Oza.

Unha das pulsións da poética pondaliana é o gusto polo ascensional: as aves, as árbores? e tamén o campanario da igrexa na que recibiu as augas bautismais. Aínda que o pontecesán decidiu tanguer A campana d?Anllóns, ubicada nunha modesta espadana, un dos seus referentes visuais diarios sería este campanario «lanzal», auténtico fito paisaxístico e simbólico da agra do Couto.