Corme: Quen era Xoán Gago

Suso de Basilio

PONTECESO

Segunda entrega da biografía do frade que deixou o seu pouso en Corme: «Corme é unha vila con raiceiras. Recuperemos a nosa historia»

20 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo da publicación do anterior artigo o pasado día 14 en La Voz de Galicia, foi moita a xente de Corme a que me preguntou e preguntaron: ¿Quen era Xoán Gago? A mesma pregunta que eu comentaba. Tardei 60 anos en escoitar por primeira vez o nome deste sobranceiro cormelán, 500 anos despois da súa vivencia. Por conseguinte, vou intentar dar a coñecer as primeiras raiceiras deste frade, porque dende que souben da súa existencia, non parei de pescudar en saber o máis que puiden deste apelido totalmente foráneo nas dúas parroquias que conforman a Península do Roncudo.

Tirando do fío veu o nobelo e así fun dar á zona norteña de Tras os Montes, en Portugal, distrito de Bragança na Reserva Natural de Monteçinos. Estas barreiras naturais, mantiveron durante séculos a esta rexión despoboada e pobre polo seu illamento, ata que moitos dos seus habitantes se viron na obriga de emigrar á costa. De alí, os devanceiros do noso Xoán, cruzarían a provincia de Zamora e cruzando Pola de Sanabria acadaron a cidade de Vigo, para espallarse mundo adiante.

Encontrada a orixe do apelido Gago, aparécenos por primeira vez no 1188 na devandita Sanabria. ¿Pero como aparece este apelido 300 anos despois en Corme? A razón máis lóxica e como pobo de mar que somos, sería que algún dos seus devanceiros, mariñeiro, recalaría na nosa ría e atopou o amor da súa vida fundando o seu propio fogar. Debemos lembrar, que, J. Del Hoyo cita a Xoán como «natural del mesmo pueblo». No concernente ao segundo apelido, que non coñecemos, parece que naquel tempo era normal bautizar un neno sen o apelido de súa nai, aínda sendo de matrimonio. Non tiña por tanto que ser fillo de solteira. De contarmos con este apelido, teríamos a esculca máis doada. Debía ser tamén o noso Xoán, fillo único, pois, con el desaparece o apelido. E con máis razón, sendo frade e solteiro. Como é de supor, tampouco sabemos a idade que viviu este frade, pero aténdonos a que no 1600 fundou a Capela e no 1650 a Confraría de Pescadores, cabe pensar sen erro, que debeu vivir máis de 70 anos, sinxelamente baseándonos en que tería, cando menos 20 anos, para poñerse á obra da Capela. Velaí como a partir da obra de Xoán Gago, van aparecendo datos importantes para coñecer a historia de noso. Así, chegamos ao 1640 e aparécenos o documento máis antigo de matrimonios da Parroquia.

Ano 1650. O visitador arcebispal manda traer para Corme-Porto, a imaxe de Santo Andrés das ruínas da Capela da Illa da Estrela. No 1.661 o Arcebispado aconsella baixar o Santísimo dende a Igrexa de San Hadrián Vello, nas Salgueiras, para a Capela de Corme-Porto, por (sic) «non ter perigo de mouros á vista».

Ano 1666. O cartógrafo Pedro Teixeira no seu famoso: Atlas del Rey Planeta, adica unha páxina á Ría de Cormes y Lages. Así, en plural. No 1667, recoñécese en ruínas a Capela da Illa da Estrela, sen retablo, portas nin ornatos, así como un hospital de romeiros e pobres que había ó seu lado.

No 1706 bendícese en Gondomil a Capela e Santuario de Santo Antón de Padua. Nese mesmo ano, o veciño de Corme-Porto Domingo García de Leys pide romper a parede do Evanxeo dos Remedios, para facer arco coa capela de San Marcos. E rematamos en Corme-Aldea, onde no 1713 se ergue a capela de San Xosé, mentres se levantaba a nova e actual Igrexa Parroquial (1791), para abandonar Santo Hadrián Vello, nas Salgueiras. Grazas á Voz de Galicia por colaborar en dar a coñecer quén foi o cormelán Xoán Gago. E unha vez máis, reitero a petición á corporación municipal de dar o seu nome á malchamada Rúa Crego, como así ao noso párroco de recordalo cunha placa na Igrexa que Xoán Gago un día nos ergueu. Corme é unha vila con raiceiras. Recuperemos a nosa historia.