«Queremos un concello que sexa aberto e transparente»

M. Rial / P. Blanco

PONTECESO

Di que hai que poñer en valor a enorme riqueza que ten o municipio pontecesán en moitos sectores

26 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Penedo Casmartiño (A Campara) é o cabeza de lista do BNG de Ponteceso. Xustamente a candidatura nacionalista foi presentada na tarde do venres, coas intervencións do propio Penedo, que enumerou algunhas das liñas do programa, así como da número 2, Lucía Vecino, e da deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, que incidiu na situación de Galicia e na necesidade de mudar as políticas. Penedo Casmartiño, que comeza a dedicarse a ser «labrego ecolóxico» -e non como hobby, como el matiza- falou hai uns días en Radio Voz Bergantiños. Di acoller a nova etapa con interese e ganas: «Non partimos de cero, porque xa temos moito avanzado no Concello, xa que recollemos o traballo feito polo noso compañeiro Manolo [Manuel Varela, candidato nas últimas dúas eleccións]».

-O BNG ten en Ponteceso un edil. ¿Cales son os obxectivos que se marcan?

-O BNG é unha organización política que está coa xente e co pobo, á fronte da clase traballadora, que defende aos sectores produtivos, está ao lado da pequena e mediana empresa, dos emprendedores, da defensa da lingua, o patrimonio, a terra e o mar. Niso encadramos os nosos obxectivos.

-¿Que necesidades ve no municipio?

-O Concello de Ponteceso é altamente dependente do sectores agroforestal-gandeiro e do mar, pesqueiro-marisqueiro. Nós temos que facer propias as súas reivindicacións. Estamos falando de postos de traballo, de riqueza, e de parar unha peste social potente e sufrida, a emigración.

-¿Por que os veciños poderían elixir o BNG e non outro partido? ¿Cal é o programa?

-De xeito xenérico, podemos dicir que nós queremos un Concello aberto, transparente e con participación veciñal. Queremos vivir mellor no noso Concello: atencións ás parroquias, políticas no contexto municipal aos servizo das persoas, estar pendentes da xuventude, partidas orzamentarias para todas estas alternativas... Estas terras foron chamadas nalgún tempo o graneiro de Galiza pola súa fertilidade e calidade de produtos. Temos tamén as bravas augas de Corme, que poden ofrecer o mellor a nivel mundial: peixe, marisco... Pese a isto, somos un territorio esquecido constantemente nas políticas dos gobernos municipais, Xunta e Estado, así que nisto temos que poñer nós o énfase.

-¿Como valora estes anos de goberno?

-Os veciños están totalmente desamparados... Diría que é desastroso, que necesitamos un cambio para poder poñer o concello no sitio que merece, porque Ponteceso é un municipio rico, nos sectores produtivos, patrimonial e turístico... E non se ve. A nivel agrogandeiro-leiteiro, hai parroquias con moi boa actividade, pero non poden desenvolverse nin expandirse, porque teñen trabas. O patrimonio natural tamén está totalmente tapado, non hai posta en valor.

A favor / En contra

Sanidade para inmigrantes: Aberta a toda a poboación

IVE cultural no 21 %: En contra, é moi elevado

Cadea perpetua revisable: Hai que traballar pola reinserción

Xustiza gratuíta: A favor, xustiza igual para todos

Fusión con outro concello: En contra

Mancomunidade de servizos: A favor, hai que axudarse, claro

Aborto: A favor: estamos no século XXI

Legalización das drogas: Con información. ¿Por que non?

Imputados nas listas: En contra

Legalización da prostitución: Que todo o mundo teña o seu lugar

Preferencias

¿A que hora se ergue? Ás seis e cuarto da mañá, aprox.

¿Que almorza? Froita, auga, torradas con marmelada caseira

Prato preferido: Tiro moito ao tema de horta, vexetal

Bebida preferida: Auga, té, viño, cervexa...

Non comería... Caracois, bichería, insectos...

Equipo de fútbol: Calquera galego que ande batallando

¿Que coche ten? Un Fiat Punto

Unha afección: Correr, bicicleta, natureza...

Un lugar: A Campara

Unha rede social: Non uso, pero si Whatsapp e é unha tolada

Artes e letras

Escritor favorito: Leo de todo

O último libro que liu: Estou lendo a Eckhart Tole, un de Xosé Lois García, Lao-Tsé, Castelao...

A última película que viu: Onde vai que non vou ó cine! É moi caro

Un artista: O canteiro que ten o taller en Tella

Un actor: Luís Tosar

Unha actriz: Luisa Merelas

Un cantante: Sés: potencia e letra involucrada

Tipo de música: Tradicional-contemporánea galega, encántame tamén Pirilampo

Programa de TV: Non me gusta a televisión, pero El Intermedio

Viaxe pendente: Afondar nas provincias de Lugo e Ourense, subir coa compañeira pola costa francesa...