«Vou con ilusión a competir no nacional na categoría 4x4»

PONTECESO

JOSE MANUEL FERREIRO

Á pontecesá «apetecíalle» cambiar de aires tras experimentar o pasado ano novas sensacións cun coche de maior potencia

02 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Sandra García Cambón (Pazos-Ponteceso, 1975) afronta un novo reto esta tempada ao cambiar a modalidade de kartcrós polo 4x4 e afrontar así o campionato de España, que comezará o vindeiro día 7 en Alcañiz (Teruel). A deportista estivo practicamente os dous últimos anos sen competir e agora regresa con forza ao automobilismo.

-¿Cómo afronta a campaña?

-Vou competir no nacional na categoría 4x4. Fágoo con moita ilusión. O cambio da categoría kartcrós a est nova cilindrada débese a que o pasado ano probei nas carreiras de Arteixo e Carballo un novo vehículo, e as sensacións foron moi boas.

-¿Como leva os preparativos?

-Neste novo proxecto vou cun Peugeot 208 R5 Proto 4x4 de Ya-Car. É un coche tubular que leva dous motores de moto. Concretamente, dunha Suzuki Hayabusa de 205 cabalos cada un. Espero estrealo en maio. Mentres, na primeira carreira, en Alcañiz, competirei co DS3 Proto 4x4 de Perfecto Calviño.

-¿Síntese apoiada nesta aventura?

-Si. Teño os patrocinadores de sempre e son unha máis nas carreiras. Comecei a competir no 2007, pero no 2008 foi cando fixen o campionato galego de forma regular. No 2011 participei por primeira vez no campionato de España. Unha lesión no 2013 en Arteixo fixo que estes dos últimos anos case non competise. No 2014 estiven en dúas probas, en Arteixo e en Carballo, e gustoume pilotar un 4x4.

-¿Como afronta a tempada?

-Está claro que será de adaptación ao coche e de aprendizaxe. Non esquezamos que en kartcrós a potencia é de 125 cabalos e agora paso a un coche con 410.

-¿Estará no campionato galego?

-Está claro que si. Pero os 4x4 non poden competir en calquera circuíto. Dependerá en parte das datas nas probas do nacional. Posiblemente, se podo, probarei incluso nalgún Rallymix.

-¿Está satisfeita?

-Nunca pensei que podería chegar a ter unha máquina como esta. Claro que estou contenta e con moita motivación.