«Nun mundo máis global hai que valorar o que nos diferenza»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA / LA VOZ

MUXÍA

CARMELA QUEIJEIRO

O arquitecto, presidenta da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, considera que o principal reto está en reforzar a identidade propia e a autoestima como pobo

19 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O arquitecto da Área de Rehabilitación Integral de Rianxo (ARI)Carlos Fernández Coto foi elixido presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, creada en marzo en resposta ao «baleiro autonómico que existía», di.

-¿De onde nace a idea de crear esta asociación?

-A fundación da asociación foi impulsada por once persoas, dende Muxía ata Verín, dende Monforte ata O Grove, pasando por Boiro, Rianxo e Santiago. Hai dende catedráticos de xeografía, antropólogos, arqueólogos, arquitectos, deseñadores, escritores e xestores de patrimonio das catro provincias. É dicir, xente de distinta formación pero cunha inquedanza común entorno ao patrimonio cultural galego, o que se entende como o conxunto de elementos que definen a identidade dun país.

-¿Con que obxectivos nace?

-A nosa intención é defendelo, concienciar, difundilo, valorizalo, investigalo e colaborar na transmisión aos nosos fillos e netos. Nun mundo cada vez máis global hai que valorar o que nos diferenza doutros lugares. Galicia é un país de auga e grazas a iso somos o que somos e temos unha arquitectura propia, unha paisaxe e mesmo unha forma de fotografar.

-¿É esa cultura global a principal ameaza para conservar unha identidade propia?

-Non. Máis que unha ameaza é unha riqueza porque nos permite moitas cousas, entre elas facer chegar a nosa cultura e produtos ao resto do mundo, coñecer outras culturas e, en definitiva, enriquecernos. Hai que entender a globalización como unha nova forza que pode xogar ao noso favor tendo unha forte autoestima e unha identidade reforzada.

-¿De todos eses verbos que teñen por meta, cal é o que precisa dun maior esforzo para conxugalo?

-Todos eles, porque hai unha liña común de evolución e cando un pobo coxea dunha perna tamén o fai doutra. Por exemplo, a arqueoloxía, a arquitectura tradicional e a lingua son valores que están coxeando. De feito, unha enquisa recente dicía que neste momento o galego xa é empregado por menos do 50 %, cando hai uns vinte anos o falaba o 90 %.

-¿E ante iso que se pode facer?

-O que hai que facer é insistir na formación, na educación dende nenos en valores e en identidade como pobo.

-A asociación, como tal, presentouse este mes en sociedade a nivel nacional no congreso que reúne cada ano ás plataformas en defensa do patrimonio cultural e no 2018 será a que organice o encontro en Galicia.

-Así é. Démonos a coñecer no ámbito estatal en Morella, na provincia de Castellón, cunha conferencia na que fixen unha diagnose do patrimonio cultural galego, coas súas fortalezas e debilidades. En liñas xerais, a principal fortaleza viría da nosa dispersión, que creou un patrimonio sen igual a nivel nacional. Hai que ter en conta que temos 30.000 localidades, cando o resto de España hai outras tantas. Iso significa que hai 3.792 parroquias, cada unha delas coa súa igrexa, casa reitoral, cruceiros, etcétera. E a gran debilidade radica tamén na dispersión, no sentido de que seguimos abandonando o rural e o patrimonio que alberga.

-E contra o feísmo, ¿hai cura?

-Pasa por moitas accións. De feito, presentámoslle ao presidente da Xunta corenta medidas para combatelo. A Administración autonómica non ten que descansar tanto nos concellos, onde é máis difícil atallalo, e ten que saír dos despachos para loitar contra el.

-¿Que armas vai empregar a asociación para pasar á acción?

-En primeiro lugar, era importante estar para que se nos teña en conta á hora de participar en charlas, coloquios e mesas redondas onde levar a cabo ese labor de difusión en todo foro ao que sexamos invitados. A asociación naceu nas redes e é estamos presentes en todas las canles posibles. Ademais, temos previsto realizar visitas guiadas para revalorizar a historia e o patrimonio.

-¿Pensan estreitar lazos coa Administración e outros colectivos?

-Si. Entre os asociados e, pagando a cota como un máis, está a Escola Galega de Conservación do Patrimonio da Xunta. Tamén se incorporou a Escola de Canteiría e esperamos que moitos outros que se preocupan polo patrimonio tamén o fagan.