«Vivimos nun mundo de copia e pega»

F. rodríguez, m. rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

paco rodríguez< / span>

A súa primeira colección de esculturas aposta pola innovación e a creatividade

27 jul 2016 . Actualizado a las 12:46 h.

Hai camiños que en lugar de ter fin conducen a outros. Isto foi o que lle ocorreu a María Lema Santabaya tras elaborar un proxecto cultural sobre o Camiño de Santiago por Europa, que decidiu lanzarse á aventura e mergullarse no mundo da escultura. A colección Caminando por las estrellas nace da simboloxía que envolve esa ruta e das ganas de crear cousas novas. Ata o 30 de setembro, os interesados poderán contemplala no albergue Bela Muxía, en Muxía. A concelleira de Educación e Cultura de Dumbría e formadora en Novas Tecnoloxías, María Lema, contou a súa experiencia en Radio Voz Bergantiños.

-¿Como xorde esta colección?

-Debido ao meu traballo, creo moitas cousas no mundo dixital, pero á raíz de estudar o Camiño de Santiago por Europa quería crear algo que despois puidera tocar. De aí xurdiron estas pequenas pezas de ferro pintadas en cores vivas, que levan escritas mensaxes motivadoras en diferentes linguas dedicadas aos peregrinos do Camiño de Santiago. Para elaboralas, baseeime nos catro símbolos principais que impregnan a Ruta Xacobea: as cunchas, as frechas, os peregrinos e os camiños.

-¿Que tal a experiencia?

- Moi boa. De feito, animo a todo o mundo que queira facer escultura a que a faga. O que quixen destacar con esta colección é, primeiramente, que todos somos creativos. Todos imaxinamos, pensamos e creamos de algún que outro xeito. En segundo lugar, resaltar que toda persoa pode facelo, pois eu son totalmente autodidacta neste ámbito sen posuír formación algunha en escolas de belas artes. Trátase de ir experimentando co material as formas, cores e deseño. Por último, busquei desmitificar a idea de que a escultura é algo serio, ríxido ou perfecto. Para ilo fixen algo distinto, colorido, que chamara a atención e que invitara ao sorriso.

-¿Por que escolleu o ferro?

-A elección do ferro foi algo anecdótica. É en homenaxe á empresa Ferroatlántica onde traballaban meu pai e meu avó. Toda a vida respirei o olor a ferro na miña casa, polo que sempre tiven a curiosidade de saber como ía ao forno e como se fundía. Ademais, eu puiden estudar grazas ao plan de becas desta empresa, polo que quixen rendirlle homenaxe a esa parte de ferro que sempre me rodeou.

-Traballar con este material non debe ser doado...

-A verdade é que non, pero hoxe en día hai moitas máquinas que facilitan o traballo, polo que se trata un pouco de integrar o que é a tecnoloxía cos métodos tradicionais. Este material foi historicamente moi importante, chegando, incluso, a recibir un período da nosa historia o nome de Idade do Ferro. A día de hoxe é un dos elementos máis numerosos que hai no planeta, polo que hai moitísimas formas de traballar con él e pode aplicarse a diferentes obxectos cotiáns ou de decoración e artísticos.

-¿Podemos ir pensando xa nunha segunda parte?

- De momento, non vou facer máis pezas en ferro porque estou experimentando con outros materiais como é a madeira. Aínda que xa teño novas ideas na cabeza, no meu día a día dispoño de moi pouco tempo para dedicarme a esta parte creativa, entón estou bastante limitada.

-¿Como compaxina todo isto?

-Fácil non é, pero teño dous fillos de 3 e 5 anos aos que trato de inculcarlles o valor de crear e axudar aos demais, polo que tamén fixen un proxecto creativo-solidario con eles. A iniciativa chámase Pasito por las estrellas e é en colaboración coa ONG Fundación Meniños, de A Coruña.

-¿Por que non quere asumir o cualificativo de artista?

-Como non me dedico profesionalmente ao mundo artístico, téñolle moito respecto. Prefiro ser humilde cos verdadeiros artistas e recoñecer o seu labor, á cal lle dedican moito tempo. A min, simplemente, gústame crear e que a xente cree nos diferentes estilos, porque hai sitio para todos. Vivimos nun mundo de copia e pega no que é necesario apostar pola creatividade.