A tradición da danza de espadas de Quintáns, en Muxía

Xan Fernández Carrera

MUXÍA

José Blanco, «O Carnesán».
José Blanco, «O Carnesán». X. F. C. < / span>

Crónica histórica do baile segundo as palabras de José Blanco, o recuperador

30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira fin de semana de agosto [esta que vén, pois] celébranse as festas de San Isidro de Quintáns, unhas das máis tradicionais do concello de Muxía. No seu día grande, o domingo, un grupo de mozos bailan a danza de espadas durante a procesión, un baile con moita vistosidade e colorido, que atrae a numeroso público, tanto da propia parroquia de San Martiño de Ozón coma doutras localidades. Leva moitos anos bailándose esta danza. O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, hai máis de oitenta anos, deixounos unha mostra gráfica dela, na que podemos contemplar a vestimenta dos danzantes.

Levan pantalón e camisa branca, cunha banda cruzando ao través e faixa atada ao van. Calzan zapatillas, e cobren a cabeza con gorros adornados con flores. O director, para diferenciarse do resto, loce pantalón escuro e chaleco. Fronte del catro filas de tres danzantes cada unha. A ritmo de música de gaita e percusión, executan as tres partes que a compoñen: paso, cruce e punto. Descoñecemos cal foi a orixe deste baile tradicional, o que si sabemos é que hai máis de cen anos que se baila durante as festas de San Isidro, aínda que con algunhas interrupcións.

José Blanco Méndez, veciño de Ozón, de 92 anos, conserva na súa memoria a historia desta danza. Fixo de enlace entre os antigos bailadores e os danzantes actuais. Afirma que a el lle contaron que este baile viñera de Bos Aires, que o trouxera Rodolfo de Eiranova de Quintáns na súa volta da capital arxentina. Que, segundo el contara, llo vira bailar alí a uns orientais, e como lle gustou, recolleuno e ensinoullo aos das súa parroquia. Mais sabemos que a danza de espadas báilase en moitos países europeos, e mesmo en Galicia ten tradición a de Redondela, que se baila durante a festa da Coca, en Corpus, e a de Baiona, que está documentada desde o ano 1595.

O Carnesán

O pai de José Blanco, Baldomero, foi danzante, antes de emigrar a Cuba. Logo continuou coa danza o seu irmán José do Zapateiro, e seguiulle Francisco do Ferreiro, a quen relevou José Blanco, coñecido por todos como O Carnesán, o último bailador que quedou daquel tempo. Deixou de danzar alá polo ano 1956. Máis tarde, cando sufriu unha grave enfermidade da gorxa, fixo a ofrenda a San Isidro de recuperar esta tradición, se curaba. Como sandou, montou a danza con tres dos seus fillos e outro veciño máis, completando o resto con mulleres, por non atopar máis mozos. Isto aconteceu no 1977. Vestían daquela pantalón azul, camisa branca e unha banda da mesma cor co pantalón. A partir desta data case se bailou seguido todos os anos, primeiro continuou o seu fillo Antonio e despois collérona novos bailadores.

Cóntanos José Blanco que antigamente os danzantes ían ao cruceiro de Pedregás, no camiño xacobeo que une Quintáns con San Martiño, a buscar o Anxo para a procesión e desde alí viñan danzando ata Quintáns. Ao seguinte día, acompañábano de novo os danzantes na súa volta á parroquial. Tamén era costume o domingo da festa interpretar a danza diante das tabernas para atraer aos clientes.

O Carnesán foi un mozo moi bailador, dáballe tanto ao solto como ao agarrado, por iso foi chamado pola Sección Femenina de Muxía, a comezos dos anos setenta, para que lle ensinara a bailar a danza a un grupo de rapazas. Formou así un grupo de bailadoras que levaron este baile por varias localidades. Nunha destas mostras estaba presente o fillo do gobernador da Coruña e Pilar Primo de Rivera, e tanto lles gustou a danza, que lle propuxeron levalo á cidade herculina para crear unha escola de baile tradicional, pero el negouse a ir, porque non quería deixar o seu lugar de Ozón.

Na súa casa estiveron dous días Enrique e Mercedes Peón recollendo a música e os pasos desta danza de espadas, que despois interpretou o grupo Xacarandaina no Palacio de Congresos da Coruña, a onde foi convidado, xunto coa súa dona. José dinos que agora non se danza tan ben como se facía antigamente cando os danzantes ían moi compasados no ritmo dos pés. El aínda cantaruxa as tres partes da música e se lembra dos pasos do baile. Gustaríalle que non se perdera esta tradición porque lle encanta á xente. O domingo estará na praza de Quintáns para ver, un ano máis, danzar aos mozos da súa parroquia.