Os versos de López Abente debuxan un percorrido por Muxía

Xosé Luís Vilela emprega a obra do «poeta da mar» para trazar unha guía da súa vila natal

$tituloImg.$pieImg

Cee / La Voz 13/07/2015 05:00 h

A entrega do III Premio de Poesía Gonzalo López Abente, que concede a fundación que leva o seu nome e que recaeu na coruñesa Emma Pedreira, tivo este sábado á noite un ambiente e, sobre todo, un sentimento especial no salón do Voluntariado de Muxía, de onde a meirande parte dos asistentes -maiormente os muxiáns- saíron emocionados.

Contribuíron a iso a premiada, o galardoado do ano pasado -que non puidera vir porque estaba en Alemaña- Laureano Xaquín Araújo, os membros do xurado, o grupo Abaladeiras e a Coral Virxe da Barca; pero o que verdadeiramente deu de cheo na sensibilidade dos presentes foi a conferencia do director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela Conde.

O xornalista non deixou de lado á importancia da obra do que cree que se gañou por dereito o título de «poeta do mar» e tamén recordou que algúns dos grandes como Rosalía ou Lorca escolleron Muxía, «que algo terá», para escribir sobre ela. Pero a verdadeira orixinalidade da súa intervención, consistiu en trazar un guía todo ao redor da península muxián en base á obra de López Abente.

Deste xeito, xa con Os Penedos antes de chegar ao monte de O Corpiño e seguindo pola Ribeira, comezou a trazar unha sorte de audioguía lírica, na que os poemas de López Abente son paradas descritivas e emotivas máis que suficientes para percorrer toda a contorna do pobo dende unha perspectiva distinta.

Así, canda Vilela Conde, os muxiáns botaron a camiñar de maneira simbólica pola súa vila e creouse unha comuñón que xa rachou en emoción desatada cando no último dos poemas, en vez de lelo, puxo unha gravación que levaba no teléfono móbil coa voz da súa nai, xa falecida, recitando de memoria diante da tumba de López Abente, despois dunha homenaxe con académicos e persoeiros da cultura.

Ademais de Vilela e Viki Rivadulla que presentou o acto, tamén interviron os membros do xurado. X. H. Rivadulla Corcón deulle a coñecer o premio ao público, Modesto Fraga incidiu no que representa para el que incluísen nesta distinguida lista e Miguel A. Mato Fondo foi o encargado de entrar con algo máis de detalle en S/T (Sen Terra) a obra de Emma Pedreira, gañadora desta edición. Un traballo que, como a propia autora explicou, ten moito que ver coa perda dos escenarios da infancia e coa viaxe vital dende a aldea á cidade.

Como a parte musical tampouco podía quedar detrás da literaria, Abaladeiras de Muxía sacaron o mellor de si, primeiro cunha peza tradicional e despois con O Corpiño de López Abente. Tamén a coral Virxe da Barca, que empezou con Verdes son os campos, lle rendeu homenaxe ao insigne poeta muxián con A Pedra da Barca, musicada pola súa directora Charo Vázquez.

Así, en conxunto, o acto do sábado á noite no Salón do Voluntariado quedou convertido nunha proclamación do orgullo e a singularidade muxián a través do seu mellor embaixador literario. Unha homenaxe tamén aos que están fóra, aos que se foron e aos que volven porque, como dixo a gañadora deste ano para cerrar entrega de premios, «o exilio só existe con retorno, o outro chámase olvido».

entrega do Premio literario

Votación
1 votos