Teté Delgado: «¡Canto nos riamos coas trampas da tía Ramonita, e que divertidas eran!»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

A actriz Teté Delgado volta un verán máis a Malpica, a vila mariñeira que a criou

22 jul 2018 . Actualizado a las 09:43 h.

Malpica é casa, é mar, son as olas que escachan contra un e as trampas da tía Ramonita. Son as fortalezas medievais construídas con area e algas, son as tardes de buceo e a auga que corta os pés. É o cheiro a porto e a rede de pesca. Falar de Malpica é falar de verán para Teté Delgado (Ferrol, 1965). Ri a esgalla cando lembra as trasnadas que facía cos seus primos. Vivencias a granel.

-A auga do mar de Malpica é desas na que se hai que ir metendo aos poucos.

-¡Efectivamente! Eu teño dúas maneiras de meterme na auga de Malpica, dependendo do fría que estea e das ganas que teña de quedarme dentro. Se está moi fría métome rapidamente, estou alí uns minutiños e saio tamén igual de rápido. Senón, voume mollando pouco a pouco: os brazos, a nuca, as barrigas... Así voume habituando á temperatura da auga para quedarme un rato. ¡E hai veces que mesmo chega a estar boa! Que non se corra moito a voz, por se acaso, non vaia ser que se encha a praia de Malpica...

-¿É de deportes acuáticos?

-Eu moito de deporte, en xeral, nunca fun, aínda que na miña época xoguei ao balonmán. Este ano, sen embargo, si que me propuxen facer algo máis de deporte, ¡e pechar algo a boca! Se me tivese criado nun sitio de mar seguramente tería feito kayak, surf, windsurf... pero crieime no Porriño, e non había moita cousa.

Nestes tempos encántame a auga e desfruto moito dela, sobre todo do buceo, aínda que en Malpica non podo practicalo moito, ¡porque me doe a cabeza! Tamén me gusta moito navegar e xogar coas olas. Por arriba, por abaixo, por un lado, polo outro... Non hai cousa máis divertida ca esa.

-¿Ten feito algunha barcana?

-¡Por favor! ¡Pasei por tódalas etapas! Teño un recordo moi vivo de cando era pequena, e son as mans de meu pai agarrando area entre as miñas, que eran moito máis pequeniñas. ¡Para min era como unha escavadora, da cantidade de area que collía dunha vez! Teño feito tantas barcanas, de tantas formas diferentes, e decoradas con tantos elementos da praia... E era algo tan emocionante ver como chegaba o mar e percorría os labirintos e foxos que acababas de construír...

-Terá millóns de anécdotas deses veráns en Bergantiños...

-¡Si! Xuntabámonos toda a recua de primos na praia xunto coa miña tía Ramonita. Era unha mestra de escola, solteira e que vestía sempre de negro, fose por un familiar ou polo outro. Pero a miña tía Ramonita tiña un punto de picaresca, ¡era fantástico!

Ela ensinábanos a facer trampas para gastarlle bromas á xente. Facíamos un buratiño na area, poñiamoslle un entramado de canas, despois papel de periódico e algo de area e algas por enriba. Vamos, ¡que tiña unha pinta de trampa que tiraba para atrás! Pero nós marchabamos correndo para a area seca e agardabamos a que alguén picase. ¡Sempre caía alguén no truco! ¡Tanto nos riamos coas trampas da tía Ramonita e qué divertidas eran!

Todos eses recordos sácanme sempre un sorriso e fan que a praia de Malpica sexa o meu eterno referente. O seu faro é o faro que me guía na vida, o azul do seu mar é «o meu azul», como a terra que daba forza a Escarlata O’Hara.

«En Malpica tiñamos moita liberdade. O mundo semellaba enorme cando chegabamos alí»

Unha apaixoada confesa das motos, e de toda a estética que as arrodea, di Teté que algún día, nalgún momento, atopará o tempo necesario para sacar o carné e conducir a súa propia Harley.

-¿A que sabe a Costa da Morte na súa memoria?

-Máis que en canto a sabor, din que é o olfacto o sentido que máis te transporta directamente aos recordos e ás vivencias. Para min o porto de Malpica ten un olor especial, a rede e a labores do mar. Entras e invádete, sabes que estás na casa. Retrotráeste a unha época de felicidade na que non había preocupacións. Con dicir que era filla de Juan José de Benedicta xa estaba.

¡Canta liberdade tiñamos! ¡E qué grande é o mundo de repente ao chegar a Malpica dende onde viviamos! Ás veces mesmo colliamos «prestado» un bote da dársena, iamos dar con el unha volta e cando volviamos deixabámolo no seu sitio.

-¿Xa mercou esa ansiada moto da que tanto tempo leva falando, ou segue viaxando de paquete?

-[Rise] Pois estou pendente aí dun asuntiño que, como saia, ¡Igual vai antes a moto ca o carné! Gústame moitísimo ir en moto e encántanme as Harley, sobre todo, e a súa estética. O problema é que non encontro nunca o momento, nin os cartos, nin a veces as ganas para ir sacar o carné. Algo pasa cada vez que o intento. ¡Sempre! ¿Quere o universo dicirme algo? [rise].

Para cotillas

?¿Praia ou piscina?

?Praia, sempre.

?¿Mar ou montaña?

?Mar, tamén.

?¿Chill out ou chiringuito de verán?

?¡O antigo chiringuito de Malpica! ¿Podo dicir este?

?¿Facebook, Twitter ou Instagram?

?De momento son moito máis de Facebook, aínda.

?¿SMS ou Whatsapp?

?Whatsapp.

?¿Carne ou peixe?

?Peixe.

?¿Peixe ou marisco?

?¡Ai, caramba! Para min iso é como: «¿A quen queres máis, a papá ou a mamá?»

?¿Marisco ou callos?

?¡Marisco!

?¿Para viaxar prefire o norte ou o sur de España?

?O norte.