O centro de saúde de Buño

Eduardo Parga Veiga TRIBUNA ABERTA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

01 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O centro de saúde de Buño é unha feliz realidade. Sábeno ben os veciños da parroquia, de Leiloio, Cambre e Cerqueda. Despois de moitos anos de recibir asistencia sanitaria nunha situación precaria, dispoñen dunhas instalacións modernas, funcionais e ben equipadas. Un edificio acorde cos tempos, ben deseñado e ben illado, no que se aproveita a luz exterior grazas ás grandes ventás, contribuíndo ao aforro enerxético, e perfectamente climatizado.

No PP de Malpica sempre defendemos esta infraestrutura. A súa posta en marcha, que foi unha prioridade, é hoxe un obxectivo cumprido. Estamos moi satisfeitos de coller como emprazamento a zona da Camposa, hoxe unha área de servizos na que se sitúan a Casa do Oleiro e o edificio da desaparecida Fundación Comarcal de Bergantiños, que acolle os servizos administrativos que xestionan os fondos europeos, e no que estamos a traballar para enchelo de máis vida a medio prazo. Un emprazamento de fácil acceso non só en coche, senón tamén a pé, grazas á construción, no 2014, dunha senda peonil de 230 metros lineais que separan o casco urbano de Buño da Camposa.

O Concello investiu máis de 60.000 euros na urbanización do exterior do centro de saúde para dotalo de beirarrúas, prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e ramplas de acceso ao centro de saúde, e áreas axardinadas. O proxecto completouse co asfaltado do acceso ao edificio, unha pista preexistente das mesmas características que a maioría das pistas de toda Galicia. A todos nos gustaría acometer a súa ampliación, é unha vía pola que resulta moito máis doado circular. Ademais, temos en contratación o proxecto que dará continuidade á senda peonil dende a Casa do Oleiro ata o centro de saúde, facilitando o acceso das persoas usuarias e mellorando a seguridade. Estamos orgullosos de ter un centro de saúde que presta atención a 1.800 persoas, con tres consultas de medicina xeral e unha de enfermería, área de administración e almacéns nun edificio moderno de 524 metros cadrados, E estamos orgullosos de que os veciños e as veciñas de Buño, Leiloio, Cambre e Cerqueda, como os de calquera outra parroquia, reciban a asistencia sanitaria que merecen. Eduardo Parga Veiga, alcalde de Malpica.