Unha vela no río Anllóns

anxo angueira

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garca

«(...) Aquí no esteiro do Anllóns, ollando como rompen as ondas na Barra, fronte ó Monte Branco, eu quero vir do Ulla para renderlle homenaxe a Pondal no seu centenario. Aínda que veña só, vou vir coa miña dorna e vou botala ó mar do gran poeta. Estudarei as canles, pasos e baixíos, buscarei a marea propicia (...)»

16 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha mañá límpida de primavera. Bótolle unha ollada ó meu Ulla e ó saír da casa camiño da Costa da Morte vou pensando no centenario de Pondal. Penso na vergoña histórica que supón o feito de as nosas institucións non se ocuparen como merece, en ocasión de data tan relevante, dun poeta indispensable na historia de Galicia. Decido ir pola serra de Outes. Lembro como tamén Rosalía de Castro arribou á Costa da Morte, que logo ficou tatuada para sempre na súa obra. Eu veño ó mar, das «lanchas tan ben portadas / con aparellos de festa» que chegan cheas de xente á romaría da Barca de Muxía. As lanchas que non hai, aquelas que con vela de relinga e remo fendían foulas entre Vigo e Malpica. Reviviu a Marina, e con ela os nosos soños, desenterrada das areas de Caldebarcos en Carnota. Xa en Mazaricos acordo que son as mesmas lanchas xeiteiras que navegan en La hija del mar, ese mar que ferve de nordés na extraordinaria gándara areosa da Muxía rosaliana. E é unha lancha que vai á sardiña a que efectivamente recolle nun con a expósita Esperanza.

Xa preto de Dombate, vénme á cabeza con doses de saudade a xeografía do meu pasado futbolístico como xogador do Unión de Asados-Rianxo: Malpica, Xallas, Camariñas, Baio, Buño, Laxe... E de repente aparece, pasado Vilaseco, baixando do Castro de Borneiro, o fascinante mar de Pondal. No porto de Cabana, fronte ó Monte Branco, fago mentes de dúas escenas náuticas. A de Rosalía na ría de Padrón: unha dorna, coma se fose bolboreta, navega coa «inchadiña branca vela» por entre o millo. Non se ve o casco, só o trapo da embarcación. A de Pondal ten o mesmo motivo da branca vela, pero é unha lancha: «Dunha lancha a branca vela». A escena tamén é distinta. A dorna rosaliana navega nunha paisaxe de «branda ría». A lancha pondaliana, e as dúas embarcacións teñen o mesmo tipo de vela, navega en condicións algo máis difíciles pola «virazón xogoral». E sobre todo, non hai a distancia contemplativa que hai en Rosalía. Pondal ponnos a bordo nun primeiro plano, sentindo os salseiros da navegación:

De bolina, tesa a escota

que os ventos subiar fan,

o courel debaixo da auga...,

que gusto vela avanzar!,

que garrida vai a lancha

ca espuma que ó redor fai...!

Reparo en que hai un coñecemento técnico de Pondal que moito me chamou sempre a atención. Será que se criou ó pé mesmo dun peirao? A navegación de bolina é a que cómpre facer se o vento está na proa do teu destino. A escota é o cabo co que se caza ou larga a vela. O courel é a táboa que está máis por riba da borda dunha embarcación. Eu imaxino a escena da lancha navegando de bolina aquí, despois de entrar pola Barra do esteiro do Anllóns, igual có rudo mariñeiro fillo do Osmo, neste bravo escenario areoso e vougo.

Desde o 2013 a xente do mar e mais da navegación tradicional faille unha homenaxe a Rosalía. Máis dunha ducia de dornas, ás veces tamén de bolina, navegan polo Ulla e polo Sar ata chegaren ó Espolón de Padrón, ó pé da súa pétrea estatua. Aquí no Esteiro do Anllóns, ollando como rompen as ondas na Barra, fronte ó Monte Branco, eu quero vir do Ulla para renderlle homenaxe a Pondal no seu centenario. Aínda que veña só, vou vir coa miña dorna e vou botala ó mar do gran poeta. Estudarei as canles, pasos e baixíos, buscarei a marea propicia. Quero entrar pola Barra deixando por couse o promontorio areoso e vougo. Quero drizar e fender foulas polo río que o cisne máis amou de todos. Quero levar o temón nunha man e na outra a escota para arribar ó peirao da casa do bardo. Aínda que teña que vir só e me perda no verde da ribeira escura de brañas e xunqueiras, quero que a «branca vela» das nosas lanchas e das nosas dornas saúde en homenaxe ó gran poeta de Galicia.

«Hai un coñecemento técnico de Pondal que moito me chamou sempre a atención»

«Xa preto de Dombate, vénme á cabeza a xeografía do meu pasado futbolístico»

DNI. Anxo Angueira. Nacido en Manselle (Dodro) o 13 de xaneiro de 1961, Anxo Angueira é filólogo, escritor e, tamén, estudoso da literatura galega. Preside a Fundación Rosalía de Castro. A colaboración coa Fundación Pondal é estreita, en tanto que as dúas figuras foron claves no Rexurdimento, ao igual que Curros Enríquez.