Marea de emoción no adeus a Paco Souto

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

J.M. Casal

O mundo cultural, político e social despediu onte en Malpica ao percebeiro e poeta

01 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A conselleira Rosa Quintana, os alcaldes de Malpica, Carballo, Coristanco, Muxía e Ponteceso, compañeiros de partido, amigos, poetas... A Paco Souto lembrárono onte en Malpica con esa expresividade que sempre o acompañaba, «arremangado», como dixo a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín. Sempre preguntando «a onde imos hoxe traballar». Voluntarioso. Salitre, país, lingua e palabra xunguíronse para darlle o último adeus en Malpica ao percebeiro, poeta, editor, político e dinamizador cultural, falecido o xoves en Razo, levado por ese mar ao que tanto lle ten escrito. Foi un acto civil para o cal o tanatorio se quedou pequeno: cultura, sociedade e política comarcal e galega. «Perder un poeta é sempre un dano», afirmou Xosé Regueira, deputado e edil do BNG en Carballo. Sobre todo, se ese poeta puxo os seus versos «ao servizo da xustiza social e dese tempo novo que precisamos». Paco «sempre estaba aí», coa súa «coherencia» e a súa «palabra precisa», disposto a achegar mans e argumentos, «enchendo de poesía os nosos silencios».

Foron centos e centos as persoas que arrouparon á súa compañeira, Emma, e máis a Lino e a Alba, mencionados en varias ocasións para lembrarlles que, cando a tribo perde a alguén importante, faise forte para seguir «estando aí».

-É a vida... É a vida do mar.

O poeta fisterrán Alexandre Nerium, quen tamén traballou nel, así o cre. Foi un dos artesáns da palabra que asistiron a Malpica, amigos de tanto tempo como o é Rosalía Fernández Rial. Onte, moi afectada, leu en homenaxe a Paco as palabras que previamente escribira como recordo en La Voz, e que remataron así: «O mar levou ao máis sublime dos versos: ao Paco Souto real, suxeito irrepetible. Querémoste infinito, camarada». Xosé Iglesias, outro poeta do mar, encheu de sal as palabras para lembrar a un home que, «aínda que non pescaba xardas, doíanlle as xardas». Paco era percebeiro, pero, dixo Iglesias, era quen de sumar forzas a todo aquel que loitaba polo mar, como se fixo hai nada pola pesca artesanal. Paco ensinoulle a Xosé a ser poeta e fíxoo cun corazón de neno «que nunca envelleceu». O mar levou o xoves «ao home, ao neno, ao amigo, ao mestre, ao irmán maior».

Paco, «ser mítico e único», tiña «unha bandeira azul e branca na súa lingua», ollos, mirada e corazón «transparentes», así como «unha buguina na cintura». Desas que máis amigos fixeron soar onte en varias ocasións. «Se teño un libro publicado é grazas a el», dixera pola mañá Iglesias en Radio Voz Coruña, onde é colaborador, lembrando a talla internacional do poeta falecido: tiña previsto ir dar unhas conferencias a Estados Unidos sobre a cultura galega.

Paco, como afirmou María José Fernández, foi quen de amar «a palabra, o noso país, as súas xentes», foi quen de facer «cousas fermosas», tal e como pedira o tamén poeta Xabier Lete. Por iso, e porque Souto «forma parte do esquelete que nos sostén», ela seguirá celebrándoo cada día, con recordos e poesía coma a que leu.

A morte cada nove ondas

Marta Dacosta, en nome da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, tildouno de «imprescindible», como o era tamén «o acouga da súa fala». Desexou para el o lugar que merece na literatura, «que non é pequeno». Sendo difícil transformar a dor en palabras, optou ela tamén por recitar uns versos dunha das obras de Souto, Amar non ten laranxas: «Fai de lume as nosas branquias...». Goretti Sanmartín desexou que viñesen xeracións tan compactas coma aquela de escritores dos 90 que el forneceu e leu, co xornal na man, o poema de Souto para A Percebeira recollido onte por La Voz e emitido tamén por Radio Voz coa súa propia entoación: «Coma se a morte viñese cada nove ondas...». Ao lado dunha imaxe de Souto, lucindo a camiseta de Queremos Galego, e coa bandeira de compaña, Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, pechou as intervencións cun poema de Manuel María: Verbas a un irmao. Xoán Manuel Sande, concelleiro do BNG na Laracha, interpretou á gaita o himno, cantado ao unísono polos presentes. Ao final, un grande silencio.

A morte de Paco marchou coas verbas. Tamén coas da súa compañeira, Emma Abella, quen onte escribu na rede: «Non teño palabras, levounas todas Paco. Para a inmensidade de persoas, todas e cada unha moi queridas por el, que viñestes, chamastes, mandastes mensaxes en calquera rede, a imaxe que expresa algo do que sinto hoxe». Xunto a estas letras, un debuxo de Carrabouxo: «Mar terrible o noso, que o mesmo nos dá de comer que nos come».

Rostros amigos de dentro e fóra da Costa da Morte

Xurxo Souto, Rosalía Fernández Rial, Xan Fernández Carrera, Xelucho Abella, Paco de Tano, Paco Abella, Mercedes Queixas, Fernando Patricio Cortizo, José Jacobo Ríos, Xosé Iglesias, Xaime Trillo, Miguel Anxo Mato, Marilar Aleixandre, Manuel Rivas, Miguel Anxo Calvo, Suso Lista, Cesáreo Sánchez Iglesias, Suso Bahamonde, Luis Giadás, Miro Villar, Rafa Villar, David Creus, Rivadulla Corcón... A todos estes creadores da palabra, e a moitos outros, uniunos onte en Malpica o cariño e a amizade con Paco Souto. Igualmente, ao director de cine Ignacio Vilar; ao contador de historias e dramaturgo Quico Cadaval; á artista e amiga Viki Rivadulla; ou ao actor cormelán Vítor Mosqueira, quen previamente, en Radio Voz Bergantiños, lle dedicou a función de onte en Carballo, A cabeza do dragón.

Moitas pequenas homenaxes

Foron moitos os compañeiros do BNG que se achegaron: Rubén Cela, Bieito Lobeira, boa parte da corporación de Carballo (Ferrero, Milagros Lantes, Marcos Trigo, Daniel Pérez...), Xosé Luís Rivas Mini, Xan Carlos Sar, Rocío da Igrexa, Carlos Concheiro... Igualmente, representantes, exrepresentantes políticos e alcaldes: a conselleira Rosa Quintana, Eduardo Parga, Miguel Ángel Fernández, Félix Porto, Lois García Carballido, Amancio Lavandeira, Alberto Sueiro, Ramón Varela Rey... Carmen Isabel Labrador, presidenta dos oleiros, De la Fuente Subiela, representante das ANPA; Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización; ou Suso Lema, de Muxía Turismo Rural, acompañaron tamén a despedida. O PSOE malpicán emitiu un comunicado e nos plenos de A Laracha e da Deputación, así como nos Premios Minerva, houbo un recordo para Souto. Tamén lamentou a perda o presidente do Semescom, Xosé María Lema. Unha concentración silenciosa rendeulle homenaxe ao poeta na mañá de onte.