«Con McDonagh e o FIOT, éxito seguro»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

José Manuel Casal

O malpicán logrou dous premios María Casares con «O tolleito de Inishmaan»

31 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Só o feito de que Chévere se levase os premios ao mellor espectáculo e á mellor dirección fai que se lle poda discutir a O tolleito de Inishmaan a súa condición de gran triunfadora dos galardóns María Casares cos seus cinco premios. Dous deles foron a parar, ademais, a un mesmo destinatario, o actor Santi Romay (Malpica, 1983) posto que non só se alzou co premio ao mellor actor protagonista, senón que compartiu o de mellor adaptación/tradución con Cándido Pazó e Alberto Rodríguez.

-¿Como se sinte un despois dunha gala como a do mércores?

-Pois agora mesmo estou descansando porque deiteime tarde e teño que prepararme para unha proba de casting que teño mañá [por hoxe], pero estou moi contento e un dos motivos é que a idea de facer O tolleito de Inishmaan partiu de min; eu fun quen lle propuxen a Belén Pichel [produtora] e Cándido Pazó [director] facer este espectáculo, así que o feito de que colleitaramos cinco premios faime moi feliz. Síntome moi partícipe dos cinco e estou moi contento aínda que queda aí un pequeno punto, non de fracaso, pero si de tristeza, por non ter logrado o de mellor espectáculo, co que a noite tería sido redonda de todo.

-Hai que compartir tamén co resto dos aspirantes.

-Si, claro que si, pero cando estás aí queres levar os máximos premios posibles e sobre todo os máis importantes. Pero estou totalmente contento polo recoñecemento que tivemos e, sobre todo, por como está indo o espectáculo e como está funcionando entre a xente. Ultimamente, estamos indo a sitios nos que ao mellor non hai unha programación tan habitual de teatro e o público está respondendo moi ben; de feito nas últimas dúas funcións, en Cuntis e Vila de Cruces, había constantemente aplausos entre escena e escena, que é algo que ao mellor non pasa no Rosalía de Castro [da Coruña], onde o teatro é habitual.

-¿O público é máis espontáneo nese tipo de vilas?

-Si. E ademais é un texto que chega moi ben nas vilas pequenas porque precisamente fala diso: dun núcleo illado onde hai unha vida costumista, de pobo e con personaxes coas que a xente pode sentirse identificada nalgúns aspectos.

-¿Antes de acadar o éxito sentía máis presión por ter sido o impulsor da montaxe?

-A verdade é que sempre tiven bastante confianza nesta montaxe por varios motivos: polo texto de Martin McDonagh, porque xa tiña a experiencia de facer Un cranio furado, que foi un éxito total e polo que xa recibira un premio María Casares, así que iamos sobre seguro, e tamén porque se formou un elenco de actores e actrices marabilloso e excepcional. Cando se dan esas dúas cousas é moito máis fácil acadar o éxito. Eu confiaba en que a cousa ía funcionar e que ía ser un bo espectáculo, aínda que obviamente non esperaba que tivese este recoñecemento e estes premios.

-¿Foi moi complicado preparar a adaptación do texto orixinal a tres mans?

-Isto partiu dunha idea nunha anterior montaxe. Durante Xardín Suspenso do Centro Dramático Galego a miña compañeiro de reparto Melania Cruz faloume deste texto e regaloume o libro. Aos poucos, eu púxenme a traducilo con Alberto Rodríguez, que é quen ten realmente dominio do inglés, e despois lle pasamos unha tradución moi literal a Cándido Pazó, que foi o que lle buscou o xeito para adaptalo ao galego.

-E ata facer que a xente o sinta como algo moi próximo.

-Si, realmente non houbo que tocar moitas cousas porque hai moitas similitudes entre Irlanda e Galicia e ese mundo costumista irlandés que mostra McDonagh na súa obra podía ser perfectamente Malpica ou Carballo, zonas absolutamente galegas.

-Xa traballara nun «Cranio Furado» de McDonagh, tamén en coprodución co FIOT e con premio nos María Casares. Parece que a fórmula do éxito está clara.

-Si, teño que buscar outro texto de McDonagh e plantexarllo ao FIOT de Carballo, e xa temos o éxito garantido [risas].

-¿Foi máis complicado asumir o papel protagonista ou afrontar a parte física de interpretación polas eivas da personaxe?

-O máis complicado, sen dúbida, foi a parte física. Nas reunións previas sobre como enfocar a personaxe Cándido díxome que tiña que ser coma un verme, estar completamente deformado e dar mágoa só de velo, e con esa consigna comecei a traballar moito a parte física. Foi o máis custoso e nos ensaios pensei que podía chegar a lesionarme e levei algún susto, pero agora xa o corpo se foi adaptando a esa composición e lévoo doutra maneira, xa non é tan sufrido.

-Ten contado que tras a primeira función, na Illa de Arousa, unha espectadora lle dixo que pensaba que era tolleito de verdade.

-Pasoume na Illa e nalgún sitio máis. Ao saír do teatro hai xente que non me coñece que pensa teño algún tipo de deformidade ou que levo unha prótese; é algo que me fai ilusión porque demostra que o estou a facer ben. Na Illa, unha señora díxome: «Se soubese que eras normal tería rido máis».