A xeración «Cerillita»

Xurxo Alfeirán

MALPICA DE BERGANTIÑOS

José Manuel Casal

«Volver á vila era moito máis que unha liberación temporal dos estudos»

27 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacer a principios dos 50 do pasado século nun pobo mariñeiro como Malpica foi un privilexio dificilmente pagable. E non me refiro por ser este un espazo orográfico de indudable beleza, nin porque nesas datas a fame da posguerra fora remitindo, ou porque como consecuencia dese xurdir económico aumentaran as familias enchendo as rúas de buliciosa rapazada, ou porque os espazos de ocio tanto daban para xogar na praia coma pescar no porto, xogar ao corre que te pillo polas rúas da vila, andar á revira no Caldeirón, levar unha farta de moras das silveiras de Canido, xogar á espada no Campo do Cura, coller unha molladura facendo barcanas de area coa consecuente tunda posterior de mamá, disfrutar a calquera hora do día ou da noite da imparable actividade portuaria mariñeira ou dar paseos en chalana ata o Barco de Magé.

Non, non o é por ningún destes motivos, senón por todos xuntos e moitos máis que obviamente podería completar en varias follas. De entre todos eles, gardo da miña infancia un recordo especial e profundo: o ver a rúa sempre chea de xente, porque naqueles anos os malpicáns viviamos na calle, motivo polo que acertadamente se recolle no noso eslogan: Vila da vida na Costa da Morte.

 A principios dos sesenta, bastantes daqueles rapaces -menos as rapazas- saímos daquel entorno rural mariñeiro para adentrármonos na macrosociedade das cidades de A Coruña e Santiago, naqueles mundos dos estudos máis aló dos primarios; no de falar castelán para «no ser bruto» -dicíase daquela-; e no dos supostos modais máis refinados. Con pena e certo temor ante o descoñecido, deixabamos o berce familiar mariñeiro, os amigos da escola e os veciños do rueiro por outras persoas e outra realidade que provocarían, ineludiblemente co tempo en nós, a cimentación dunha personalidade máis rica en matices, a percepción doutras miras distintas e a ubicación de espazos máis amplos. E, sen decatármonos, pasamos a engrosar -en palabras seudodespectivas dos nosos propios amigos da infancia- a fila dos cerillitas, nome que recibían en Malpica certos ninis dos anos 40-50 e que nós herdamos polo simple feito de non seguir o oficio do mar.

Os retornos vacacionais eran momentos de ledicia. Volver á vila era moito máis ca unha liberación temporal nos estudos. Eran reencontros vitais co espazo dun e a súa xente, bálsamos indispensables para a saúde mental e corporal. Aqueles paseos nocturnos, os mozos por un lado e as mozas polo outro, atrancando a rúa principal calle arriba, calle abaixo, dende o Cruceiro ata os cines de Campecho e Lerio e volta ao Cruceiro, tamén abarrotada de rapazada e xente adulta, eran horas de tertulia con intercambio de chistes cada cal máis brutos, e os desexados escarceos mozacheiros nos que, con miradas recelosamamente furtivas, se cimentaron amores que, cos anos, rematarían en compromisos no altar.

Os encontros futboleiros na praia Maior os domingos pola mañá entre os eternos rivais (casados, solteiros, cerillitas e mariñeiros) eran seguidos por multitude de seareiros con verdadeira paixón, especialmente no caso dos dous últimos, porque se xogaba algo máis ca un resultado: a orgullosa hexemonía do estatus social entre mariñeiros e estudantes, binomio representativo dos dous mundos contrapostos naquel intre malpicán.

A entrada no mundo laboral colleunos co final do franquismo e o inicio da democracia. Os novos aires de liberdade, de cambio político e de reformas lexislativas foron para nós un anceio que tomamos como propio e en primeira persoa. Algúns daqueles cerillitas pasamos á acción, secundados por outros malpicáns. Primeiro, montando a Asociación de Veciños Illas Sisargas; despois, coa creación dunha candidatura política para os comicios municipais dos primeiros mandatos democráticos nos que, por certo, acadamos maiorías absolutas. Maiorías cementadas na participación dos veciños de todas as localidades do municipio a través dos denominados consellos parroquiais, nos que, previamente e entre todos, debatiamos as políticas que os concelleiros debían levar a cabo ante os plenos da corporación municipal. Método participativo cidadán este que deu gran resultado político e social para o Concello de Malpica naqueles anos. Éme obrigado dicir que lle dedicamos moito tempo ao labor municipal fóra das nosas horas profesionais, e por aquel traballo percibimos un diñeiro que non cotizaba en Bolsa, nin era papel de cambio en bancos, aquel diñeiro chamábase ilusión ou satisfacción por ter o privilexio de estar realizando -veciños, concelleiros e alcalde- un labor político en beneficio da sociedade na que viviamos. Xa sei que hoxe soa a raro aquela realidade, pero foi así de simple e clara. (Quen sabe se o noso inconsciente -beneficiado na infancia, nos estudos medios e superiores e no labor profesional -nos estaba a facer pagar aqueles privilexios recibidos).

Hoxe, desde a atalaia tranquila da xubilación, observo como o mundo no que me tocou vivir deu un cambio substancial en case todos os aspectos da vida, pero sinto con satisfacción que, trinta anos despois, no ámbito político, algún concello da nosa contorna estea a levar a cabo iniciativas de participación veciñal semellantes a aquelas nosas. Porque os consellos parroquiais foron e son unha das mellores escolas de educación democrática para unha verdadeira participación veciñal fronte ao orfo voto cuadrienal sobre o que os partidos políticos hexemónicos pretenden perpetuar esta democracia de gobernar para a xente pero sen a xente.

DNI. Xurxo Alfeirán naceu en Malpica nunha familia mariñeira. Cursou os estudos de Bacharelato no Seminario Menor de Belvís en Santiago e os de Maxisterio na Coruña. Exerceu de mestre nos colexios Leus (Carballo), A Raxeira (Leiloio), Beo-Seaia (Malpica) e As Revoltas (Cabana). Levou a área de Cultura do Concello de Malpica nos primeiros 8 anos da actual democracia. É autor do Arquivo Histórico Artístico e Monumental do Concello de Malpica e da recompilación de retratos Malpica en fotos, ambos depositados no Concello. Coautor de diversas Unidades Didácticas para a escola e do libro Lembranzas de Malpica (2016); colaborador fotográfico da guía turística Malpica, vila da vida na Costa da Morte (2005); e colaborador xornalístico sobre a historia de Malpica na Voz.