Taraio: apareceu o patrón!

juan félix neira pérez

MALPICA DE BERGANTIÑOS

JUAN FÉLIX NEIRA

O san Caetano desta capela de Cerqueda é toda unha rareza na bisbarra. O templo agoniza, pero o santo «vive»

21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pazos con capela non lle faltan a Cerqueda, como quedou de manifesto noutra xeira nestas mesmas páxinas. Daquela falamos só de pasada do singular caso da casa de Taraio ou Brandeiro. Prehistoria e historia fúndense neste lugar cunha potencia formidable: o pazo, a carón do castro; na aba deste, a capela, cristianizadora do espazo pagán. Mais Taraio garda outros segredos.

Grazas á documentación inédita parroquial -unha carta do cura de Cerqueda de 1878- podemos reconstruír con precisión a historia da capela de «san Cayetano, vínculo de Tarayo», posesión de don Francisco Antonio Romero, quen funda en 1717 esta capilla leiga ou laica, é dicir, privada e non eclesiástica, «inmediata a su casa Tarayo». Os vestixios físicos non desminten as fontes documentais: ao limpar e iluminar o lintel da porta, tras «longa noite de pedra» o epígrafe fundacional, aínda que tallado por torpe man, fala por si mesmo: «Esta capilla hico hacer Francisco Antonio Romero Año de 1718». Uns oitenta anos máis tarde, sabemos por outras fontes administrativas que o dono era Josef Posse, que non a coidaba, segundo se desprende do informe do visitador en 1791, quen por «vieja y carcomido su altar» manda «blanquear, que se entierre una imagen indecente y arruinada que se halla al lado del Evangelio».

Volvamos ao párroco de Cerqueda. Di que o motivo para a fundación da capela era non só a devoción de Romero ao santo padroeiro, senón tamén a distancia ata a igrexa parroquial para oír misa, moito máis penosa entón que hoxe, evidentemente. Seguranza non lle faltaba ao templo: «Para conservación, dotación de la capilla y misa señaló una finca a labradío, dehesa y prado, sembradura 12 ferrados, perteneciente a dicha Casa de Tarayo, la que podía producir muy bien 20 ferrados de renta», engade o crego, sinalando a «prohibición de que se enajenase esta finca lo mismo que el campo de 8 ferrados de sembradura en el que se edificó la capilla».

Este campo de sembradura é o castro de Taraio, hoxe millo e antano morada de devanceiros. ¡Canta información agochará! Algunha saíu hai tempo: o dono, Pepe Castro, amósanos orgulloso o que el chama unha «pedra do lume», cunha erosión artificial polo desgaste producido por algunha tarefa cotiá; outra pedra engaiola coa súa feituca forma ovoide. Apareceron como adoitan aparecer estas pezas: a golpe de arado sobre o recinto castrexo; así tamén foi atopada nunha chousa próxima a cista (tumba megalítica en forma de cofre) que conserva o museo coruñés de San Antón. Segundo nos confirmou un arqueólogo, non hai que descartar que estas dúas pedras de Taraio sexan pezas de muíño ou destinadas a outra función doméstica. Dúas pezas de valor arqueolóxico, cultura material digna de preservar malia súa humilde feitura.

Herdanza

Do Romero devandito herda o templo a súa descendente María Josefa Pose, que co seu marido Antonio María Varela outorgan, en 1891 e en Betanzos, escritura de foro en favor de Francisco Cotelo e a súa dona María Pose «de la casa y lugar de Tarayo incluyendo en este la partida hipotecada para sostenimiento de la capilla y misa». Os novos donos cumpren as catro misas rezadas anuais impostas sobre a capela e outras cargas na parroquial de Cerqueda, mais o cura non pasa por alto un feito: «Se excluyó del foro el terreno de 8 ferrados en que existe la capilla, por lo que es de suponer que esta no se incluyó en el foro y por consiguiente sigue al cuidado de los aforantes».

Parece que coa morte de María de Taraio en 1870 comezan os problemas que comprometen a supervivencia do templiño. Cando se produce a partilla entre os seus once fillos, o abogado dilles que non teñen a obriga de soster a capela. Deixemos que o párroco se exprese, ninguén máis axeitado para contalo en román paladino: «Como la obligación depende de once voluntades, unos casados y otros solteros, que todos recibieron por su difunta madre una muy modesta legítima que unos no conservan, otros la enajenaron en parte y otros que, si bien la tienen, necesitan de ella para vivir, y así como hoy son once, mañana serán treinta o más, y se hace más difícil su cumplimiento, por lo tanto suplican al Excelentísimo Señor Cardenal, como dueño de los templos del Arzobispado, se encargue de la capilla de Tarayo, entregándola a la parroquia o disponiendo de ella como mejor le plazca, quedando exentos los exponentes de su conservación por la imposibilidad de los mismos».

Mais semella que a capeliña estaba sentenciada desde hai algún tempo, pois o crego alerta xa do seu mal estado: «El edificio necesita repararse y la imagen del santo inservible». Da súa ruína dá fe o feito de que o «finado Cotelo la tenía para depósito de maderas».

¿Que solución propoñen desde o arcebispado? Unha incualificable, se temos en conta a paupérrima condición das xentes do rural galego no século XIX: «Díganos el cura si a los feligreses de esa parroquia les convendría adquirir dicha capilla y si la finca a labradío, dehesa y prado, sembradura 12 ferrados que el fundador señaló para conservación de la capilla, siendo la mujer de buena conciencia y sana moral, no dejaría de entregarla a fin de que con sus productos se puedan cumplir las cargas y obligaciones».

San Caetano

Aínda que os propietarios, Pepe e Eduardo, teiman en afirmar que a capela estaba dedicada a santo Outel (Eleuterio), isto debeu de ser na última etapa en uso do recinto, pois a documentación deixa claro cal era o santo padroeiro inicial, san Caetano, quen sabe se elixido por algún membro da familia que abrazara o estado sacerdotal, feito moi frecuente por certo nas liñaxes fidalgas. O tal Caetano (1480-1547), italiano el, fundara a congregación dos Teatinos, cregos entregados ao ideal de perfección sacerdotal: votos de pobreza, castidade e obediencia; a súa celebración é o 7 de agosto. Ata aquí todo soa a santoral, mais abofé que o santiño é unha rareza, en Cerqueda, en Bergantiños, en Galicia toda. A modo de sinxelo indicio, pensemos que no monumental estudo de Lema Suárez sobre a arte relixiosa en Soneira non consta o inaudito Caetano no nutrido catálogo de santos. Pero é que só en dúas parroquias de Galicia hai advocación especial a el: na parroquia compostelá coñecidísima por albergar os edificios administrativos da Xunta de Galicia, e nunha pequena capela na freguesía de Santa María de Soutolongo en Lalín.

No interior da capela ruinosa quedan restos da mesa do altar e unha xeitosa pía de bendicir con forma de vieira. Algúns santos perdéronse, pero non todos? Rogamos a Pepe que hoxe lles deixe tomar un chisquiño o aire. Baixan do seu acubillo, eles que son do século XVIII, tan fráxiles que case se desfán nas mans: unha imaxe que foi polícroma (Pepe di que é unha santa Ana), un santo Antonio de mellor madeira e outro que os donos non saben identificar. ¿E se fose o patrón? É o patrón, pero nunha iconografía moi rara, pois adoita representarse co Neno Xesús no colo e este de Taraio ten os brazos alzados coa ollada espiritual posta no ceo, en expresión de interceder pola Humanidade, sen máis atributo que o hábito teatino co cíngulo. A capela agoniza? ¡pero o santo vive aínda! Non todo está perdido.

Tal é Taraio: unha síntese case completa da historia de Malpica. Do remoto castrexo ás dilatadas agras de millo da minguante gandería actual, pasando pola fidalguía pacega. Pedras milenarias pulidas pola man dos devanceiros, inscricións fundacionais a piques de se perder para sempre, santiños podrecidos tan febles como emotivos? As tan só aparentemente pequenas e insignificantes cousas que conforman a nosa memoria histórica, o noso patrimonio material e sentimental. A nosa identidade.

O lugar vai do remoto castrexo ás agras de millo da minguante gandería

O motivo para a súa fundación non era só a devoción, senón a distancia á igrexa parroquial